Tradición, pop e jazz: así é a música en galego que Antía Muíño comparte en Euskadi

Antía Muíño comezou a súa andaina polo mundo da música a través das pandeiretas e dun grupo de cantareiras. Agora, a cantautora galega acaba de gravar o seu primeiro disco, que verá a luz a finais deste ano.

A cantautora galega vive en Euskadi, pero isto non é un impedimento para compoñer e cantar en galego. Estudar guitarra levouna a esta comunidade, onde agora reside. Porén, o feito de dedicarse á música non sempre o tivo claro, debaténdose entre este mundo e o do dereito, carreira que estudou.

A voz de Antía Muíño pódese escoitar no último disco de Xabier Díaz, un dos referentes da cantautora. Admite a alegría de poder colaborar co artista galego e agradece a confianza que Xabier Díaz depositou nela.

Sorprende que a súa música se escoite no País Vasco.  Nunha entrevista para La voz de Galicia, a artista afirmaba que “hai sitios como Euskadi nos que a sensibilidade que hai con respecto ao galego é grande”. Muíño recorda a súa participación no Festival de Jazz de San Sebastián, onde pensaba que non actuaría “por cantar en galego”. A súa sorpresa chegou non só cando a colleron para cantar no festival, senón tamén polo ben recibida que é a súa música.

O seu estilo musical pódese ver nos seus sinxelos “Carta Aberta” ou “Herba de namorar”, temas nos que mestura tradición, pop e jazz cunhas “letras intimistas e medio existencialistas”, como a propia artista define. O seu próximo disco segue unha liña similar, con temas que beben da música tradicional e acompañados da súa guitarra, o que fai deles que sexan íntimos e cun ton máis acústico. Entrevista completa en La Voz de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: