Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

“Toponimízate”, a iniciativa para que valores os nomes do lugares que te rodean

Conservar e poñer en valor a microtoponimia dos concellos de Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio é un dos obxectivo da quinta edición de Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. Un ano máis, a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia lanza esta campaña, que este ano vai dirixida a un total de 17 concellos galegos.

Esta iniciativa de divulgación da toponimia galega duplica nesta edición as súas actividades. O coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo, xunto con académico Gonzalo Navaza, recorrerán os concellos galegos impartindo charlas que poñan en valor a toponimia galega, facendo fincapé neses nomes en perigo de desaparecer como os de fincas, montes, regatos ou pedras. O rápido despoboamento dalgunhas zonas rurais ou a transformación do territorio próximo a cidades son factores que aceleran a desaparición da microtoponimia, por iso nesta edición se elixiron concellos con estas características para concienciar sobre a importancia dos nomes dos lugares.

Os nomes son “un diálogo entre os avós e os netos” porque “levan detrás a historia dese lugar e a historia das persoas que o habitaron”, sinalou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, na presentación de Toponimízate. Por iso, o obxectivo da iniciativa non é só a recuperación e conservación do patrimonio, senón tamén a sensibilización social. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo fincapé na importancia de “difundir o valor da riqueza toponímica”.

Dende que Toponimízate se puxo en marcha, recolléronse 43.000 topónimos, grazas á axuda de 2.600 colaboradores. Agora, nesta nova edición, será o concello lucense de Pantón o primeiro en darlle protagonismo aos topónimos da súa contorna. Máis información en Galicia Confidencial.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.