Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Setembro inundarase de postais arredor da figura de María Casares

O IX Encontro Galego de Postcrossing xa ten data, o sábado 17 de setembro, xornada na que as amantes da correspondencia analóxica se darán cita na Casa Museo Casares Quiroga, na Coruña. Con esta edición, o proxecto galego de Postcrossing pon o seu foco na figura da actriz galega María Casares, coincidindo co centenario do seu nacemento.

Esta iniciativa ten como obxectivo impulsar a tradición da correspondencia, para conservar a comunicación escrita en papel e o uso das linguas. “Estes encontros congregan a postaleiros/a de toda Galicia, pero tamén a persoas interesadas na escrita a man e nesta forma de correspondencia analóxica”, indican dende a organización.

Baseándose na web de Postcrossing, unha rede que combina o intercambio de postais impresas e dixitais, a través de dita páxina, arredor do mundo, co IX Encontro Galego de Postcrossing teñen como obxectivo a xuntanza para escribir en grupo, que comparte un interese común tendo como tema vertebrador a María Casares.

A actividade está aberta para persoas de todas as idades, que poderán mandar as súas postais sobre María Casares ata o 17 de setembro á dirección IX Encontro Galego de Postcrossing “María Casares”; Apartado de Correos 201; rúa do Franco nº 4; 15780 Santiago de Compostela – A Coruña. As persoas que envíen a súa carta, recibirán de volta unha resposta cunha postal e un selo a xogo deseñados para a ocasión.

Ademais, as persoas interesadas no encontro presencial, serán as encargadas de responder as postais, despois de visitar dunha visita guiada pola Casa Museo Casares Quiroga. “Non fai falta estar rexistrado na web nin ter enviado postais antes. Só cómpren ganas de compartir unha experiencia de escrita colectiva”, animan dende a organización. “Tamén podes aproveitar para escribir a alguén especial para ti, é o momento para recuperar esta actividade nostálxica”, engaden.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.