Santiago en imaxes 113 anos despois do primeiro Ano Santo do século XX

Cando o 25 de xullo, festividade de Santiago de Compostela e Día de Galicia, cadra a domingo, celébrase o ano Santo. Aínda que este ano a celebración do Apóstolo Santiago coincide con luns, o papa Francisco autorizou a ampliación do ano Xacobeo 2021 ao 2022, debido ás circunstancias especiais da pandemia da Covid-19.

Dende o espectáculo pirotécnico en Santiago e a ampla programación cultural ata a visita dos Reis, pasando pola manifestación do Día da Patria convocada polo BNG, a capital de Galicia encheuse de xente nestes días. Máis tamén se sentiu a celebración no resto da Comunidade.

Dende a Real Academia Galega uníronse á celebración, e para iso compartiron as postais da Exposición Rexional Galega de 1909, cando se celebrou o primeiro Ano Santo do século XX. Máis de 10.000 pezas de arqueoloxía, obras de arte, de historia ou da industria foron amosadas nesta exposición, que contou con 600 instalacións repartidas en 11 pavillóns, o que tivo unha repercusión económica, mais tamén significou a apertura de portas ao turismo. Na súa inauguración estiveron presentes 50.000 persoas, un número que dobraba a poboación da capital galega, destacando a presenza do rei Afondo XIII e o presidente Antonio Maura.

“A exposición Rexional Galega do ano 1909, o primeiro Ano Santo do século XX, foi un dos primeiros intentos do mundo civil de utilizar a celebración relixiosa como promoción económica e turística da cidade de Santiago de Compostela”, expoñen dende o portal da RAG. Compartindo estas fotografías, que están dispoñibles no Arquivo Dixital de Galicia, a RAG destaca a magnitude do acontecemento.

Nestas postais, pertencentes á colección facticia de tarxetas da institución, recollen imaxes de Galicia, nas que se distinguen algunhas das localizacións nas que se celebrou a exposición, como as escalinatas entre a alameda e o Campus Sur, así como outras localizacións do mesmo parque.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará