Sabes de onde veñen os nomes de Viana, A Coruña e Compostela?

Estes días celébrase en Santiago o Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago no que participan reputadas persoas especialistas en nomes de lugar de Galicia, a Península Ibérica e Europa.

Neste congreso, o académico electo Gonzalo Navaza impartiu o relatorio de apertura do congreso cunha intervención dedicada ás etimoloxías xacobeas na que abordou dende a orixe dos nomes de Santiago e Compostela ata a aparición de iconas universais xacobeas como a vieira e da Coruña.

A ORIXE DE COMPOSTELA

Sobre Compostela o académico electo lembrou que, malia a popularidade da tese, non significa “campo de estrelas” e apunta que a súa orixe está en realidade en composta. Polo tanto, Compostela é o diminutivo do resultado común galego do participio do verbo latino COMPONERE, verbo con múltiples significados, dende compoñer e construír ata adornar.

Gonzalo Navaza tamén analizou outros topónimos que gardan relación co fenómeno xacobeo. É o caso das “Vianas”, que teñen como ascendente remoto a francesa localidade de Vienne (Francia), onde foi arcebispo o papa Calixto II, grande impulsor do Camiño de Santiago coa concesión do ano santo compostelán. A primeira delas rexistrada na Península Ibérica, adoptando a forma occitana Viana, é Viana do Bolo, territorio antes chamado Robreda. A súa actual denominación aparece rexistrada por primeira vez no ano 1206 na carta de poboamento concedida polo rei don Afonso (1171-1230) no momento do nacemento da burguesía. Despois chegarían a Viana navarra e Viana do Castelo, coa mesma motivación.

A CORUÑA

O da Coruña é outro dos topónimos xacobeos estudados por Gonzalo Navaza que non proceden da tradición local, senón que foi tamén asignado polo rei don Afonso inspirándose nas crónicas carolinxias do Códice Calixtino, propón o filólogo. Antes de pasar a chamarse Crunia no ano 1208, lembra, a cidade coñecíase como Faro, nome que á súa vez substituiría o antigo Brigantium.

Gonzalo Navaza tamén aborda na súa contribución ao congreso outras etimoloxías xacobeas alén da toponimia. Unha delas é a da palabra vieira, icona universal do Camiño. “Como símbolo dos viaxeiros, da peregrinación, é unha creación da lingua galega. Só en galego conflúen nunha mesma palabra o substantivo que designa a cuncha do bivalvo do mesmo nome e o adxectivo relativo ás vías dos camiños”, concluiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará