Renfe xa ten menú en “galego”: auga “minérale” e opcións “sen cerdo”

Pode que o AVE tardase en chegar a Galicia, pero tamén o fixo o galego aos servizos de Renfe. Porén, este último aínda é un camiño que cómpre perfeccionar, aínda que na páxina de El café del tren, xa estea dispoñible a versión do menú en galego.

Os erros gramaticais e lingüísticos que se atopan nas diferentes cartas son abundantes, e así o denunciaron dende as redes sociais de Em Galego, o consultorio lingüístico da Associaçom Galega da Língua (AGAL). “ ‘Presentámonosche’ o sítio web do serviço de restauraçom dos trens de @Renfe, sendo @ferrovial  a empresa encarregada deste serviço”, ironizaban dende Em Galego e criticando un dos primeiros erros que se atopan na web: “cambiamos a nosa oferta! Presentámonosche as nuevas opcións de restauración”.

Dende a conta de Twitter compartiron imaxes amosando erros lingüísticos. No menú Ibérico, hai a posibilidade de acompañar a comida con “refresco ou auga ou veu ou cervexa”. Ese “veu” non é unha bebida novidosa, se non unha tradución errónea de “vino”. Tamén se pode pedir un Sándwich “pollo” César, que é unha opción “sen cerdo”.  No caso do Menú Molete, destacan que este “incluye aceite y tomate”.

“Isto é um insulto à lingua galega. Nom tem outro nome”, denunciaban dende Em Galego. Tras coñecer o caso, dende A Mesa pola Normalización Lingüística anunciaron que tramitarían unha queixa a través do seu servizo A Liña do galego. “Un erro non ter revisado e mostrar un respecto pola lingua galega”, criticaban dende esta institución.

Porén, non é a primeira queixa arredor de Renfe e o uso do galego, pois son numerosas as denuncias con respecto ás dificultades de ser atendidos na lingua da comunidade. Así o fan saber os usuarios do servizo ferroviario, que comparten o seu malestar a través das redes sociais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará