Redondela pídelle ao BOE versión en galego

O Concello de Redondela dirixiuse ao Ministerio da Presidencia tras comprobar que dende hai tempo o Boletín Oficial do Estado (BOE) non ten dispoñible a versión en galego. Desta maneira, a documentación que se publica ou anexos para realizar trámites ante a Administración Xeral do Estado ou que afecte ás comundiades autónomas só ten a opción do castelán.
Por este motivo, o Servizo de Normalización Lingüística solicitou por rexistro do Ministerio a pronta rectificación e subsanación desta carencia. O SNL de Redondela presentou un informe, amparado pola lexislación lingüística que se cita e referencia, explicando as obrigas que o estado ten de cara ao cumprimento da cooficialidade do galego. O Concello de Redondela solicitou tamén a incorporación do galego en webs dependentes deste ministerio como son Patrimonio Nacional (que só ofrece en castelán e inglés) ou o Centro de Estudos Políticos e Constitucionais.
“Dende a Administración local debemos tomar a iniciativa para reclamar a plena igualdade do galego e do castelán. Fronte as falsidades da imposición do galego, a realidade é teimuda e vén demostrarnos acotío que o galego é excluído, marxinado ou esquecido por parte de certas administracións”, indican desde este departamento nun comunicado de prensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A %d blogueros les gusta esto: