Queremos Galego pedirá “dignidade para a lingua” o 17 de maio

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, as rúas de Compostela acollerán a manifestación de Queremos Galego, que cada ano reivindica o galego. Co lema “En galego agora é sempre. Porque un novo futuro para a lingua galega”, reclamarán dignidade para o idioma.

A manifestación, que sairá da Alameda e rematará na Praza da Quintana, foi presentada polo portavoz da asociación Queremos Galego, Marcos Maceira. En dito acto, destacou a situación do galego entre a xente nova, aportando o “peor dato da historia do galego”: o 24% dos menores de 15 anos afirman ser incapaces de falar galego. Ante isto, Maceira pediu que se garanta a presenza d lingua galega “en todo e para todos”.

No acto de presentación, Maceira tamén destacou acontecementos positivos, como a incorporación do galego á oferta de Netflix, que este ano rexistrará ata 70 filmes e películas en galego, o que demostrou a “perseveranza e esforzo” da sociedade galega. Tamén comentou a sentenza do tribunal Superior de Xustiza de Galicia cuxo fallo favorece os dereitos lingüísticos nas administracións públicas.

Marcos Maceira tamén celebrou as emendas da Lei do audiovisual para garantir as cotas de contido audiovisual en galego. Máis información en Galicia Confidencial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará