Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Que podemos facer as persoas que falamos galego polas que aínda non o falan

Anxos Sobriño Pérez,‭ ‬presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua

Eu expreseime en galego desde que comecei a falar.‭ ‬Non é mérito meu,‭ ‬foi decisión,‭ ‬consciente ou non,‭ ‬das persoas adultas que me rodeaban‭;‬ tamén xogou un papel importante no mantemento da lingua o ambiente en que me criei,‭ ‬onde os nenos e as nenas falaban galego coma min.‭ ‬Considéroo unha sorte que non tiveron moitas outras persoas da miña xeración.‭ ‬Este‭ ‬privilexio de ser galegofalante desde a infancia non evitou que atravesase períodos fortemente diglósicos,‭ ‬onde mudaba de lingua segundo os interlocutores,‭ ‬pero‭ ‬tamén me‭ ‬facilitou superalos e chegar a unha práctica consciente en galego hoxe.

Sei que non é sinxelo mudar a lingua habitual de comunicación,‭ ‬sobre todo cando tomamos partido pola menos favorecida,‭ ‬e‭ ‬sinto moita admiración polas persoas que se converten en galegofalantes na adolescencia ou na idade adulta.‭ ‬Comprendo que é un paso difícil de tomar,‭ ‬atravesado por moitos condicionantes sociais nada facilitadores.‭ ‬Por iso coido que as persoas que falamos galego temos a responsabilidade de axudar a outras persoas a percorrer o camiño de recuperación da lingua de noso.

Desde a miña postura privilexiada,‭ ‬pero tamén consciente e reflexiva,‭ ‬atrévome a dar un par de recomendacións sobre o que podemos facer individualmente os galegofalantes para‭ ‬facilitar a outras persoas incorporaren o galego ás súas vidas.‭ ‬Con estas propostas non quero minimizar a responsabilidade da política lingüística institucional nin substituíla.‭ ‬As obrigas legais das institucións na promoción do uso e do prestixio da lingua son indiscutibles e van máis aló de accións puntuais ou voluntaristas‭; ‬o labor institucional debe ser firme,‭ ‬planificado,‭ ‬transversal,‭ ‬continuado no tempo e coherente,‭ ‬procurando sempre avances,‭ ‬pois non avanzar nunha situación de minoración lingüística‭ ‬é sinónimo de retroceder.‭ ‬No entanto,‭ ‬nós,‭ ‬como cidadás e cidadáns preocupados polo futuro da nosa lingua,‭ ‬tamén‭ ‬contribuímos con pequenas accións que poden ter un efecto multiplicador na sociedade.

O primeiro consello é termos unha‭ ‬actitude que‭ ‬favoreza e facilite o uso do galego ás persoas que nos rodean.‭ ‬A estratexia é ben‭ ‬doada:‭ ‬falármolo nós de forma natural en todo tipo de situacións e con calquera persoa.‭ ‬Parece obvio,‭ ‬mais non sempre o é.‭ ‬Cantas veces‭ ‬non‭ ‬acabamos por converxer en castelán con persoas que non falan galego‭?‬,‭ ‬cantas veces nos vemos arrastrados a renunciar á nosa lingua cando nun grupo unha persoa non a fala‭? ‬Debemos mudar a actitude e‭ ‬non presupor que unha persoa que non fala habitualmente galego tampouco quere escoitalo‭; ‬é moi probable que o entenda sen problema‭ ‬ningún‭ ‬e‭ ‬tamén que sexa capaz de falalo.

Hai moitas persoas que non teñen contextos para practicar galego,‭ ‬non coñecen a ninguén que o fale habitualmente e necesitan un pequeno impulso para comezar a conversar na nosa lingua.‭ ‬Ese‭ ‬pulo pode ser‭ ‬interactuar con persoas que o‭ ‬falamos con naturalidade.‭ ‬Posiblemente non‭ ‬nos van pedir que nos dirixamos a elas en galego,‭ ‬pois‭ ‬adoita resultar incómodo pedir a‭ ‬outra persoa que mude de lingua.‭ ‬Ese primeiro camiño‭ ‬da conversa en galego‭ ‬debemos abrilo nós,‭ ‬pois somos as persoas máis seguras lingüisticamente para‭ ‬transitar por el.

Ao mellor a conversa desenvólvese nas dúas linguas a primeira vez,‭ ‬quizais tamén a segunda e a terceira…,‭ ‬pero con certeza encontrarémonos coa agradable sorpresa de termos conversas en galego grazas a que nós non ocultamos a nosa lingua.‭ ‬Convertámonos,‭ ‬pois en‭ ‬motores da lingua,‭ ‬como nos recomendou‭ ‬neste vídeo do‭ ‬LGx15‭ ‬Eira Losada,‭ ‬e deámoslles a oportunidade a outras persoas de falar en galego,‭ ‬aínda que sexa parcialmente.‭ ‬Ese uso ocasional pode aumentar pouco a pouco e,‭ ‬por que non‭?‬,‭ ‬chegar a ser maioritario.

A actitude de‭ ‬uso proactivo do galego tamén podemos tela coas‭ ‬persoas de fóra.‭ ‬Non deamos por sentado que unha persoa estranxeira ou de fóra da nosa comunidade lingüística non‭ ‬se sente cómoda‭ ‬escoitando galego.‭ ‬Compartamos con ela a nosa lingua e‭ ‬a satisfacción‭ ‬de decatarse de que pode entendela sen moita dificultade.‭ ‬Por outra parte,‭ ‬que unha persoa sexa de fóra,‭ ‬que fale cun acento que nos resulte estraño,‭ ‬non implica que non entenda galego,‭ ‬nin sequera que non o fale.‭ ‬O proxecto‭ ‬Sotaques da edición galega do dixital‭ ‬El Salto mostrounos algúns bos exemplos e nós podemos contribuír a que haxa máis grazas á nosa actitude.

Outro grupo de poboación que necesita máis ca nunca que usemos o galego con el son‭ ‬os nenos e as nenas.‭ ‬En primeiro lugar,‭ ‬non presupoñamos que por seren de pequena idade non falan nin entenden galego.‭ ‬Non hai moito unha persoa que traballa con nenos díxome que non lles fala galego aos máis pequeniños porque‭ ‬ten medo de que non a entendan.‭ ‬Precisamente non falarlles é o que vai facer que‭ ‬carezan dun contacto‭ ‬fluído‭ ‬co galego e que máis adiante poidan ter dificultades para entendelo e falalo.‭ ‬Non importa a lingua que falen os nenos e as nenas:‭ ‬escoitaren galego con naturalidade vai ser positivo‭ ‬tamén se falan castelán,‭ ‬pois permitiralles ter unha relación coa lingua que ao mellor non‭ ‬acadan por outros medios.‭ ‬Non lles facemos ningún favor ocultándolles que o galego é unha lingua que se fala con naturalidade.‭ ‬Non contribuamos a facelos descoñecedores da existencia da nosa lingua.

A segunda recomendación é‭ ‬sermos‭ ‬comprensivos cos‭ ‬tempos‭ ‬das persoas que incorporan o galego á súa práctica lingüística.‭ ‬Para convertérense en galegofalantes,‭ ‬algunhas optan por unha mudanza completa nos seus usos lingüísticos e‭ ‬outras precisan dar pasos progresivos,‭ ‬procurar os contextos máis propicios‭ ‬e incluso non chegan a usar o galego sempre.‭ ‬Cómpre respectarmos estas escollas,‭ ‬pois son as que lles van‭ ‬proporcionar‭ ‬a‭ ‬seguranza‭ ‬necesaria para dar o paso.‭ ‬Tamén debemos ser respectuosos cos‭ ‬seus‭ ‬erros e‭ ‬coa‭ ‬súa‭ ‬necesidade de aprender‭; ‬a aprendizaxe é un proceso que leva tempo e é necesario ter erros para superalos pouco a pouco.‭ ‬Cada persoa empregará os seus propios métodos de aprendizaxe,‭ ‬que poden incluír a nosa axuda,‭ ‬o noso exemplo ou simplemente a nosa comprensión.‭

Non nos consideremos máis‭ ‬lexitimados para dar consellos sobre‭ ‬calidade ou cantidade por levarmos máis tempo falando galego.‭ ‬Nestes aspectos o tempo só é un‭ ‬factor máis,‭ ‬nin sequera‭ ‬é‭ ‬o máis importante,‭ ‬pois tamén‭ ‬pode ser unha pexa para‭ ‬superar as inercias das interferencias asentadas‭ (‬eses‭ ‬buenos,‭ ‬rodillas ou‭ ‬grifos que nos custa‭ ‬desbotar porque‭ “‬sempre dixemos así‭”‬).‭ ‬Todas as persoas somos neofalantes nuns ou noutros aspectos e non debemos situarnos moralmente unhas por riba das outras.‭ ‬Non axudaremos a incorporar máis falantes á nosa lingua se‭ ‬cuestionamos‭ ‬as persoas‭ ‬por non falar tan‭ ‬ben‭ ‬ou‭ ‬tan rápido‭ ‬como queremos:‭ ‬moitas necesitan un‭ ‬tempo que debemos concederlles.

O obxectivo‭ ‬das persoas que falamos moito,‭ ‬bastante,‭ ‬pouco ou case nada galego‭ ‬(mesmo de moitas que non falan nada‭) ‬é recuperarmos espazos para a nosa lingua e pular por‭ ‬que‭ ‬continúe a ser o que mellor nos define.‭ ‬Loemos pois as decisións das persoas que incorporan o galego á súa vida,‭ ‬apoiémolas e‭ ‬animémolas.‭ ‬Necesitamos unhas das outras para que o futuro da nosa lingua sexa tan vizoso como‭ ‬desexamos.‭

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.