Premios #Dígochoeu, fomentando o uso do galego nos centros escolares

A Cidade da Cultura acolleu o pasado 14 de xuño a entrega dos Premios #Dígochoeu, que premiaron a 4 centros escolares promotores da lingua galega. O concurso, que consistía na elaboración dun vídeo que encaixase co contido do espazo #DígochoEu, tivo como vencedor ao CEIP Plurilingüe San Clemente, de Caldas. O centro recibiu o premio de ouro, cun valor de 2.000 euros.

Ducias de rapaces dos 10 centros finalistas acudiron ao acto, onde tiveron a oportunidade de coñecer a Esther Estévez, presentadora do espazo #DigochoEu da CRTVG. O IES Virxe do Mar (Noia), o CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López (Sarria) e o IES Basanta Silva (Vilalba) tamén recibiron os premios de prata, bronce e premio especial do xurado respectivamente. En total repartíronse 3.700 euros para premiar o fomento da lingua galega entre a xente nova nos centros educativos.

O #DigochoEu alcanza cada vez máis popularidade entre o público novo, que goza do contido ao que a xornalista Esther Estévez pon cara nas diferentes redes sociais. Agora, os vídeos gañadores publicaranse como un episodio máis do espazo.

Na entrega de premios tamén estiveron presentes o xornalista Carlos Amado, un dos creadores do #Dígocho Eu, así como os membros do xurado, formado polo actor e tiktoker galego Adrián Castiñeiros, a colaboradora da TVG Laura Franco e o Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. O acto rematou coa actuación do grupo galego de rock Monoulious DOP, que animou a todos os participantes coa súa música.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará