Premio Morales… promocionando o galego no Bierzo

Edicións Positivas vén de presentar as bases para a convocatoria ao III Premio Morales para a promoción da lingua galega do Bierzo e da Seabra/Sanabria, que ten como obxectivo divulgar a obra do escritor Antonio Fernández Morales entre o alumnado galego desta área.

Segundo explican nas bases, pódese concorrer a un total de catro categorías: debuxo inspirado nos versos do poema ‘A Santísima Virgen da Quinta Angustia’ (para o alumnado de educación infantil e primaria adscrito ao Programa para a promoción do idioma galego no Bierzo e Seabra/Sanabria); peza literaria en galego – conto, poesía ou teatro – a partir deses mesmos versos (unha categoría para alumnado de educación secundaria e bacharelato adscrito ao programa; e outra para alumnado estudante de galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada e calquera persoa do Bierzo e Sanabria maior de 18 anos); e proposta de normalización lingüística (poderá concurrir calquera persoa cunha proposta relacionada coa lingua galega do Bierzo, sexa sobre dialectoloxía, a toponimia, a historia da lingua, a sociolingüística, a literatura popular (contos, refráns, poesía…).

prazo para participar no certame rematará o día 20 de agosto de 2022. O xurado estará integrado por persoas de recoñecido prestixio elixidas polo comité organizador do III Premio Morales; e valorará a orixinalidade, creatividade e innovación, a calidade estética e artística e, no caso das creacións literarias, a calidade da lingua. Máis información en Lugo Xornal.

MÁIS GALEGO NO BIERZO

O membro da Real Academia Galega Héctor Silveiro apuntou que hoxe hai 1.115 estudantes de galego no Bierzo, pero aposta por incrementar esa oferta en Secundaria e Bacharelato e incorporar a materia de Lingua Galega ao currículo, o que significaría que compartirá horas coa de Lingua Española en territorio berciano.

Ademais, o Instituto de Estudos Bercianos (IEB), polo novo día da lingua galega no Bierzo celebrado o 9 de marzo, realizará un estudo da toponimia en galego para a súa conservación e mantemento. Ese día as radios locais incluíron programación realizada en galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará