Polémica porque as queixas por non ter fibra óptica ou están en castelán ou non son atendidas

Dende o Goberno estatal non atenden as demandas dos veciños de Gondomar porque están escritas en galego. A secretaría de Estado de Telecomunicacións respondeulles ás cartas nas que os gondomareños quéixanse sobre a instalación da fibra óptica alegando que non atenderán ás reclamacións ata que non reparen o “defecto”.

Este feito foi denunciado pola plataforma Gondomar Fibra Xa!, que ademais reprochou o ignoro da Xunta de Galicia. Segundo o colectivo, o Instituto Galego de Consumo rexeitou valorar os escritos contra as operadoras por considerar que non é a súa competencia e derivounas á Secretaría de Estado de Telecomunicacións, que acaba de comunicarlles que deben traducir as súas cartas, como recolle Faro de Vigo.

A nova de Faro de Vigo creo bastante polémica en Twitter, onde os chíos con retranca e críticos non tardaron en chegar. “Para España si hai fronteiras” comentaron dende Orgullo Galego en referencia á canción Terra de Tanxugueiras. Esta discriminación lingüística tamén foi denunciada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. “Non hai ningún ‘defecto’ que ‘reparar’ porque o galego non é ningún defecto“, comentou ademais de anunciar que rexistrarán unha iniciativa no parlamento español.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará