Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Pensatermos, así é o “competidor” do wordle

A Mesa pola Normalización Lingüísticas lanzou esta mañá o Pensatermos, un xogo lixeiro e gratuíto para entreter e fomentar o uso da nosa lingua. As redes están a ferver cos xogos lingüísticos, como pode ser o Wordle, que xa conta coa súa versión en galego, ou o Pauralògic, unha idea de Jordi Palau desenvolta por Pere Orga para RodaMots que está arrasando en Cataluña e que dende hoxe está tamén dispoñible en galego.

Pensatermos é un xogo lixeiro e gratuíto para entreterse a calquera hora do día e que consiste en formar palabras a través de sete letras, sendo unha delas de uso obrigatorio. As palabras deben ter como mínimo tres letras e non ser formas verbais conxugadas, nin termos en plural.

A puntuación do xogo determínase polo número de letras utilizadas: 1 punto por palabras de tres letras, 2 puntos por palabras de 4 letras e a partir das cinco letras, tantos puntos como teña a palabra. Se se utilizan todas as letras, faise un pleno e obtéñense 18 puntos.

Este xogo chega a Galiza despois de que varios socios e socias que viven en Cataluña fixeran chegar a petición á Mesa de facer unha versión adaptada ao galego do Pauralògic. Isto foi posíbel grazas á boa vontade dos seus creadores, que cederon o xogo para que se puidese traducir e adaptar á lingua galega o seu xogo.

A base de datos coa que se forman as palabras foi unha contribución da Academia Galega e do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo, que facilitaron de boa gana toda a termiloxía que recollen os seus dicionarios.

1 Comenta

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.