Ourense internacionaliza a creación en galego con bolsas de estadías en Polonia, Islandia, Croacia e Turquía

A Deputación de Ourense vén de presentar unha bolsa de apoio á creación literaria para escritores ourensás, ofrecéndolles estadías en residencias literarias de distintos países europeos. As bolsas, que teñen como obxectivo fomentar o crecemento persoal e a reflexión artística, están organizadas en colaboración coa Residencia Literaria 1863 e foron presentadas o pasado 30 de maio no Pazo Provincial.

Polonia, Islandia, Croacia e Turquía son o países que acollerán aos escritores ourensás, ofrecendo estadías tanto en espazos rurais como urbanos. Como salientou o presidente da Deputación de Ourense, César Fernández, trátase dunha iniciativa para “fomentar a actividade cultural dos autores ourensás que realicen as súas obras en lingua galega”.

A poeta e directora da Residencia Literaria 1863, Yolanda Castaño quixo destacar a importancia da “internacionalización das letras” e a labor da Deputación de Ourense ao fomentar “a creación literaria antes da publicación da obra, e non despois, como é habitual”

A fundación czAR(T) Krzywogonca, no norte de Polonia, o Centro para a creatividade Cullkistan, en Islandia, a Residencia Marko Marulic da Asociación Kurs, en Croacia, e a Casa dos Escritores de Nilüfer, en Turquía, son os espazos literarios que permitirán aos escritores vivir unha experiencia “plena de creatividade” durante o mes de agosto. A estes destinos tamén se suma a Fundación Valparaíso, en Mojácar, Almería, onde a estadía será de 15 días na segunda metade do mes de xullo.

Un total de cinco creadores en galego poderán beneficiarse desta bolsa, cuxos requisitos para optar a elas son ser residentes na provincia ou nacer nela. Ademais, tamén se debe achegar unha memoria do proxecto que se quere desenvolver no estranxeiro, currículo e mostra de traballos anteriores. O prazo para inscribirse remata o 15 de xuño, data a partir da cal un comité de avaliación decidirá os beneficiarios das bolsas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará