Os premios Youtubeiros buscan un ano máis a novos creadores de contidos en galego

Os premios Youtubeiras chega un ano máis para promover a creación de vídeos en galego en Youtube. Despois de cinco anos dando visibilidade á comunidade creadora, Youtubeiras acada a súa sexta edición, na que repartirá 7.500 euros entre os gañadores e cuxo lema é “Para rede, a nosa”

O certame está dirixido a todas as persoas que compartiran algún vídeo orixinal en galego dende o 22 de outubro do 2021, aceptando como novidade este ano a participación de canles cun único vídeo publicado. Nas pasadas edicións, limitábase a concorrencia a aqueles creadores que tivesen un mínimo de 5 vídeos. Mellor youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público son as categorías establecidas, dotadas cada unha cun premio de 1000 euros, agás o premio do público, cuxa contía será de 500 euros. Dende o 27 de setembro ata o 35 de novembro, as persoas que o desexen poderán inscribirse para competir no concurso.

Como novidade, este ano, ademais de recuperar a presencialidade en actividades de convivencia, intercambio e formación, impulsarán unha nova iniciativa que pretende crear un catálogo de youtubeiras e youtubeiros, que estará dispoñible na web www.youtubeiras.gal e nas redes sociais do proxecto.

“En cada edición o noso propósito é visibilizar e achegarlle ao proxecto as novas caras que están presentes nas redes. Desta volta, procuramos sumar persoas de todas as idades que poidan facer vídeos con habelencias concretas en ámbitos de todo tipo, que compartan videotitoriais  para resolver problemas do día a día”, explicaron na presentación dos premios. Ademais, a Concelleira de Lingua e Mocidade do Concello de Teo, María López, quixo destacar o crecemento de creadoras e creadores de contidos nas diferentes plataformas: “Está a medrar a presenza da nosa lingua nos novos formatos, conectando con novos formatos, conectando con novas xeracións e chegando a outros espazos imprescindibles para o futuro”

A sexta edición do Youtubeiras foi anunciada o pasado 1 de xuño, onde tamén anunciaron as diferentes actividades que se celebrarán ao abeiro deste certame. O acto de presentación contou coa participación do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo Costa; a técnica de normalización lingüística, Socorro García Conde; e a Concelleira de Lingua e Mocidade do Concello de Teo, María López.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará