Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Os nomes de Rosalía de Castro

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, abriu este sábado a quenda de relatorios na VII Xornada de Onomástica Galega, organizada pola RAG, cunha achega sobre a onomástica na obra rosaliana. “O estudo da onomástica en Rosalía axuda a entender varias das dúas estratexias como escritora e varios perfís tamén dos seus fundamentos literarios e ideolóxicos, desde o título das súas obras. Na toponimia destaca sempre o emprego sintomático de Galicia, desde prólogo de Cantares gallegos, o emprego da toponimia local, tanto da Terra de Iria como de Compostela, e a creación dunha nova cartografía relacional, social e política, no XIX”, resume profesor da Universidade de Vigo.

As cuestións de tipo onomástico están moi relacionadas con Rosalía desde o seu propio nome, salienta en referencia á “polémica histórica” entre os defensores de designar a autora como Rosalía de Castro e os partidarios da forma Rosalía Castro. Canto aos nomes propios da súa obra, Marica, Manuela, Xuana, Xaquín, Antón ou Bras son algúns dos antropónimos que poboan o mundo rosaliano seguindo a tendencia diferencialista e popularizante que se impuxo na literatura galega desde o Entremés (1707) de Salvador Francisco Roel.

Pero o que máis veces se rexistra na obra de Rosalía de Castro, o de Rosa, apunta a outras lóxicas como a feminista nunha autora que lles dá especial importancia aos nomes de muller, sen dúbida polo papel protagonista, literario, social e político que lles concede ás mulleres. Rosa, como a propia Rosalía foi chamada familiarmente, é a muller de “Nasín cando as prantas nasen”, a nai aleitadora de “Ora, meu meniño, ora”, a “Queridiña dos meus ollos”, e Rosas son varias das “viúvas de vivos e mortos que ninguén consolará”, enumera o investigador e poeta. O nome coincide ademais co da flor que máis citou, con diferenza, como indican n’O herbario de Rosalía a académica electa María López Sández, Mabel Fraga e Miguel Fraga, lembra Anxo Angueira.

Canto aos nomes de lugar, a importancia na vida de Rosalía de Compostela e Iria, Santiago e Padrón, deixa tamén unha fonda pegada na súa literatura. “Hai nestes dous espazos capitais cadansúa inmersión, cadanseu paseo lírico que se acompaña dunha onomástica moi expresiva”, valora. Belvís, Vidán ou Conxo son algúns dos topónimos evocadores dunha Compostela que en Rosalía non é só monumental. E seguindo o curso do río que lle deu nome ao poemario En las orillas de Sar, a autora sitúa o seu universo lírico en espazos como Arretén, as brañas de Laíño ou Lestrobe.

Anxo Angueira analiza tamén as toponimias da emigración presentes na obra rosaliana, desde Castela ou Cádiz, no caso da peninsular, ata as que atinxen ao éxodo transoceánico, comezando polo Carril como referencia de partida ata chegar á Habana ou o Brasil.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.