Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Os menores de 16 anos aproban polos pelos a oferta cultural en galego

Uun informe presentado polo Consello da Cultura Galega acaba de poñer nota ao desexo da sociedade de escoitar e gozar da cultura en galego: un 6’15.

O estudo,  elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG) analiza os hábitos culturais da poboación galega entre a rapazada e apunta que naqueles sectores nos que escasa a oferta cultural en galego, nomeadamente cine e videoxogos, constátase un menor consumo nesta lingua. Ademais, tamén apunta que a cidadanía demanda máis oferta en practicamente todos os produtos analizados.

O informe apunta que a valoración que a poboación fai da oferta cultural galega é dun 6,15. Pero a cifra baixa ata os 5,56 se eses produtos están destinados a menores de 16 anos e baixa aínda máis, ata 5,01 puntos, se a oferta está en lingua galega. A puntuación varía tamén se lle engadimos outras variables, como a da idade (os máis novos ofrecen as puntuacións máis altas), xeográfica (os datos son peores nas provincias de Lugo e Ourense), os niveis de estudo das persoas enquisadas (cando maiores son os estudos, a valoración máis baixa) e o equipamento cultural nos seus fogares ( se a casa ten libros, smart tv, pc de sobremesa ou portátil, tableta, consola… a oferta é valorada como baixa). Os autores do estudo aseguran que “a oferta é estimada máis negativamente cando esa cidadanía está máis atenta á oferta e maior coñecemento ten dela”.

Características sociais

O estudo, explican dende o mesmo organismo, ve padróns claros que explican que características sociais inciden no consumo de cultura entre a mocidade. A primeira delas é a educación das persoas, que se percibe claramente na lectura de libros, asistencia a museos, exposicións e espectáculos. Pero non é o único, xa que polas cifras pode concluírse que en consumo cultural o exemplo é fundamental. “A tendencia a consumir cultura entre as e os rapaces aumenta se as persoas que conviven con eles tamén consomen cultura”,  conclúe. Vese claramente na lectura pero tamén noutros hábitos, coma o de ir ao cine ou a espectáculos. Despois existen outras variables, coma o nivel de equipamento do fogar ou a lingua do contorno dos menores. “Favorece a probabilidade de asistencia ou uso dalgunha das actividades culturais pero non de todo”, asegura o estudo. Ademais, revela tamén que o nivel de renda ten unha influencia menor do que se esperaba.

Cinema en cifras moi baixas

O informe tamén revela un segredo a voces: que a asistencia ao cinema é moi baixa en xeral, un 69,9%, e moito máis aínda se as proxeccións filmes están en galego. Nove de cada dez aseguran non ir nunca ao cine en galego. Aquí xogaría tamén un papel a escaseza de filmes pulp –é dicir, malos– na lingua nai. En calquera caso, para o CCG o dato está directamente relacionado con outro: as salas de cine encabezan o conxunto de prácticas culturais nas que non hai oferta e nas que isto condiciona o seu consumo. Así, o informe asegura que os datos son baixos de consumo cultural  en galego débese principalmente á falta de oferta no noso idioma. Os espectáculos, a música e os contidos audiovisuais son os principais produtos que a cidadanía galega que formou parte desta enquisa considera insuficientes en galego.

Este estudo foi presentado en rolda de prensa pola presidenta da institución, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e coordinador do Observatorio, Hakan Casares. “O informe deixa conclusións moi positivas, como que o feito de estar en galego non retrae o consumo e que canto maior e a oferta, máis se estimula a demanda” asegurou Rosario Álvarez no marco da presentación. Valentín García engadiu o feito de que “é de destacar que a demanda en galego medra, aínda que tamén vimos que non é igual en todos os sectores, xa que se o do sector do libro está máis equilibrado, a oferta na nosa lingua é escasa no cine en sala e nos videoxogos” explicou.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.