Os Faladoiros de Vigo: “Dende fóra tamén nos queremos sentir útiles na loita do galego”

A través da pantalla reúnense cada xoves para poder falar en galego. Emanuel está cosendo un chaleco para un traxe tradicional, pois a camisa xa a fixo. Mentres, Max quere facer acto de presenza e oír galego, a pesar de que sabe que non participará moito porque outras tarefas requiren a súa atención nese momento. María Jesús vén de pasear ao can, e di que el tamén está a aprender galego, e que é con el con quen fala o idioma cando non se une aos Faladoiros. En Bos Aires, o can de María Jesús séntase, e non se sienta. Cada unha das participantes, de idades e dende puntos xeográficos moi diferentes, ten a súa historia particular, pero todas comparten o amor polo galego, e agora un vínculo de amizade que vai máis alá dunha pantalla a través da cal poder practicar o idioma de Galicia.

O galego ten o seu punto de encontro dende agosto do 2020, cando na cidade de Vigo se formou o colectivo Faladoiros de Vigo, un espazo no que as persoas poden practicar a lingua, conversando con outra xente coa mesma inquedanza.  “Ao pouco de comezarmos produciuse un novo feche da hostalaría e isto deu orixe ás sesións de conversa online, que nos abriron as portas da comunidade galegofalante na diáspora”, explica dende a organización Irene, unha das colaboradoras. Xa no 2021, os Faladoiros de Vigo convertéronse en asociación, promovendo actividades ao redor do galego, sendo a principal delas as conversas, ben en liña, ben de maneira presencial.

“Fixen un descubrimento esta semana. Ides rirvos, pero vóuvolo contar”, di Rosa, unha das participantes, ao pouco de conectarse á conversa un xoves ás nove da noite. Refírese ao feito de que existen dedos da man e dedas dos pés, pois descoñecía que se utilizasen palabras diferentes. Cris, profesora de galego e colaboradora da asociación, corrobora este dato. Ela acompáñaos cada semana, guiando as conversas e achegándolles o galego dunha maneira amable e didáctica.

Con conversas amigables, practican o galego, e son conscientes da súa evolución e mellora á hora de falar, pois a maioría son neofalantes. Cando Rosa intervén, o resto de participantes comenta que facía catro semanas ela aínda non falaba: “Non se me esquece o saúdo de María Jesús, que cando me presentei díxome: ‘Rosa, moi ben, pero en galego, que en castelán non te entendemos’. Berroume, pero cun cariño que non esquezo”.

O que os une é o amor polo galego e a cultura, pero detrás de cada unha das participantes hai unha historia de por que decidiron achegarse á lingua. Rosa é de Vigo, pero no seu entorno sempre se falou castelán. Max, de Alemaña, chegou a Vigo atraído pola natureza, a costa e a comida de Galicia e co obxectivo de aprender castelán dentro do seu plan de estudos. Unha vez regresou ao seu fogar, necesitaba aprender máis linguas: comezou co portugués pero 10 anos despois da súa estancia na Comunidade deuse conta que o que quería era aprender galego. Julia tamén naceu en Alemaña, pero vive en Mugardos dende fai 3 anos, pois casou cun ferrolán, mentres que de Valeria, Mari Cruz, María Jesús, Emanuel  e Isabel pódese dicir que son fillas e netas da emigración.

A Emanuel, descendente de galegos en Bos Aires, tamén lle gústalle dicir que tamén son fillos do coronavirus, non só porque os Faladoiros se formasen no ano da pandemia, se non porque moitas das participantes comezaron o seu camiño polo galego durante a cuarentena. Ao preguntar como chegaron ata este espazo, a maioría explica que a través dunha ligazón de Facebook. Porén, a actividade dos Faladoiros non se remite a estes encontros e Irene explica que xa pensan na edición de materias para promover a lingua e desexan que o seu modelo de conversas se estenda a outras partes de Galicia.

MÁIS ALÁ DE CONVERSAS SEMANAIS

É moi emocionante, botamos unhas risas, pero tamén unhas bágoas ás veces”, explica Julia. Pouco despois esta afirmación faise realidade, ao coñecer as historias que agocha cada unha detrás da pantalla. “Eu aprendín moitas cousas, a xente que coñecín deume moitas ferramentas, pero tamén moito apoio, porque na pandemia foron unha compañía moi importante. Para min foi unha vía de escape, a porta aberta ao mundo, un agasallo moi grande”, relata Valeria. “Pero que che dan?”, preguntoulle unha amiga a Rosa, “E que me encontro tan ben, encántame oílos e din cousas que chegan ao corazón. Para min é como un momento de terapia”, respondeu ela.

María Jesús tivo recentemente un accidente cerebro vascular, e unha das consecuencias que ten é que lle custa recoñecer os rostros. Do das súas compañeiras e amigas non se esquece, e lembra como, aínda ingresada, se conectou ao faladoiro. “Falar galego nos faladoiros foi fundamental na miña recuperación. Eu sei o grave que foi o meu accidente, e facer o faladoiro é o momento máis especial do día para min”, conta María Jesús con bágoas nos ollos. Os faladoiros convertéronse nun novo fogar para eles.

“Nacín entre vacas, pero ese apego creo que ten que  ver coa prohibición que tiven de nena de falar galego”

Do que tamén son conscientes é da situación que viviu e vive o galego. E algunhas das participantes coñéceno de primeira man. A pesar de nacer e vivir en Galicia ou ter pais e avós galegos, non tiveron a oportunidade de falar a lingua. É por iso que os Faladoiros son agora ese espazo no que recuperar o galego que non puideron falar. María Jesús naceu en Cerceda, e non foi ata os nove anos que se mudou a Bos Aires. Foi á escola pública, pero sabía que se dicía algo en galego “berrábanche ou petábanche nos dedos”. Foi coñecedora da represión da lingua, pero gústalle dicir que o galego sempre estivo dentro dela e que o “leva nas tripas”. “Nacín entre vacas, pero ese apego creo que ten que  ver coa prohibición que tiven de nena de falar galego”.

Algo parecido viviu Mari Cruz, quen se foi a Alemaña con sete anos, pero naqueles tempos “falar galego era de paletos e a xente con educación escolar non o falaba”. Emanuel tamén se sorprende como en Arxentina seu pai fala galego co seu tío, pero con el nunca; mentres que Isabel, neta dunha galega de Allariz, comezou a achegarse ao galego a través da música, primeiro tocando a gaita e logo cantando cancións que non chegaba a entender na súa totalidade, o que a fai consciente da importancia da transmisión da cultura.

“FÁLAO, TI QUE PODES!”: O PREVILEXIO DE PODER FALAR GALEGO

Max uniuse aos faladoiros fai pouco máis de dous meses, e recorda que a súa primeira frase foi “Ola, son Max e hoxe é o primeiro día da miña vida que falo galego”. Dous meses despois desenvólvese con soltura, pero Cris, quen os guía e acompaña cada xoves, non lle deixa de sorprender que este sexa o único espazo no que moitos deles poden falar galego. De feito lembra a emoción de Emanuel cando contou a primeira vez que falou galego cunha persoa de carne e óso, e foi con Sés, cando a viu nun concerto na capital arxentina.

É por iso que naceu a campaña Fálao, ti que podes!, unha iniciativa que xurdiu no grupo para “facer consciente á poboación galega do inmenso privilexio que supón poder empregar a nosa lingua na nosa vida diaria”, como explica Irene. Agora soben periodicamente na súa canle de YouTube e redes sociais vídeos de galegofalantes na diáspora, retratando a loita polo galego máis alá das fronteiras da comunidade. Xapón, Austria, Francia, Hungría, Taiwan ou Exipto son algún dos lugares dende onde queren demostrar o privilexio de falar galego.

A conversa vai chegando ao seu fin, e os participantes intercámbianse bromas entre eles. En Galicia son as 10 da noite, mais en Bos Aires aínda lles queda a tarde por diante. Agora, Julia é a que está tecendo, mentres Emanuel reivindica o papel que teñen como galegofalantes fóra das fronteiras de Galicia. “A min gústame dicir que a resposta para que o galego non se perda tamén –fai énfase nese tamén- está fóra de Galicia. Vimos aquí escoitarnos falar en galego e contar cousas das nosas vidas, pero eu tamén me sinto útil, sinto que estou facendo algo. A través da lingua podemos facer moito máis do que cremos por loitar polo noso”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará