Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O portal das palabras retrata a lacra dos incendios en sete palabras

Incendio, faísca, clarón devasa, chamizo, hidroavión e ignífugo son o setrestelo que propón o Portal das palabras en relación á vaga de incendios que está a sufrir Galicia. Con xa máis de 25.000 hectáreas queimadas dende o pasado xoves, os lumes asolagan Galicia. Por iso, dende o Portal das palabras fan a súa homenaxe repasando sete palabras galegas  na súa sección Setestrelos.

“A forma incendio ten o seu precedente no latín incendium –ii, que se remonta –ao igual ca o verbo acender ou o adxectivo cándido– á raíz cand- que remite á idea de ‘brancura’. A explicación vén dada porque cando un corpo, especialmente un metal, alcanza unha temperatura moi elevada, branquea”, explican da palabra incendio, que abre a listaxe. Refírense a eles como lumes descontrolados, e destacan o 2006 como un ano funesto, cando se queimaron arredor de 90.000 hectáreas, que deixaron 4 vítimas mortais e o estrago de vivendas.

Tamén recollen a palabra faísca, que son as partículas de lume ou cinsa que desprende o lume. Tamén propoñen outras denominacións como charamela, charamona, charamusca, charamuza, chareta, moxena ou muxica. No caso de clarón, esta verba fai referencia á claridade forte e visible e curta duración como efecto do lume. Clarón é o resultado de engadir o sufixo aumentativo a claro.

“Abertura que se fai nun terreo para deixalo libre de árbores, maleza, etc., que pode ser larga e longa cando serve para evitar que se propaguen os incendios”, definen así devasa, un método de prevención utilizado con frecuencia. Mencionan a posible orixe celta da palabra, que proviría do celtismo *devasso ou *divasso, co sentido de devastado.

As imaxes dos montes queimados xa son moi abundantes, e neles pódense os esqueletos de árbores e arbustos, “testemuñas mudas e enloitadas no monte queimado”, e para o que o Portal das palabras protón chamizo ou cádavos.

Na loita contra os incendios, renden homenaxe aos medios de extinción, neste caso aos hidroavións, os “avións provistos de flotadores que se pousan sobre a auga e se remonta no aire desde ela”. A súa capacidade de realizar cargas de auga en marcha e de salvar grandes distancias en pouco tempo é unha das vantaxes destes aeroplanos, aínda que a facilidade de carga dos helicópteros fan que estes sexan máis comúns. Por último, propoñen ignífugos, como o equipamento utilizado polos profesionais que loitan contra os lumes, e que as protexe nunha labor de alto risco como é a enfrontarse aos incendios.

“Cada ano asistimos impotentes ao espectáculo das lapas espallándose polos montes, avantando camiños e valados no seu afán destrutivo, faltándolle ao respecto debido a árbores venerables, deixando sen acubillo os moradores das fragas, tornando a “costa verdecente” nunha estarrecedora estampa fundida en negro”, expoñen dende o portal. Aproveitan, ademais, para criticar a xestión dos montes: “No que respecta ao incendios o país sofre males endémicos: a utilización irresponsable do lume, escuros intereses sobre o terreo, ineficacia dos plans de prevención, falta de planificación forestal e políticas e normas e actuacións institucionais que defendan con fortaleza –e recursos– o noso medio”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.