O Morriña Fest, un festival galego sen galego

Maluma, Ozuna, Black Eyed Peas ou Lola índigo son algúns dos nomes que forman o cartel do Morriña Fest. Trátase dun festival de música que se celebrará en Riazor os 15 e 16 de xullo e que tivo a súa primeira edición no 2021.

Porén, o nome Morriña é das escasas palabras galegas presentes no festival. Ante isto, A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a exclusión do galego en dito festival, que aínda que é unha iniciativa privada, conta con financiamento público.

O Morriña Fest conta co apoio tanto da Xunta de Galicia como do Concello da Coruña, polo que dende A Mesa consideran que ambas administracións deberían ter responsabilidade co uso do galego neste festival, así como promover a lingua nos eventos financiados total ou parcialmente con diñeiro público.

“Un festival galego non se pode reducir a unha palabra, mentres menospreza o traballo de artistas que fan os seus temas en lingua galega”, critican dende A Mesa. Ademais de non contar con música en galego, denuncian que non usen o idioma nas comunicacións oficiais do festival nin nas súas redes sociais.

Ante isto, recordan que os poderes públicos deben garantir o uso normal e oficial do galego, como lingua propia de Galicia, ademais de potenciar “o emprego do galego en todos os planos da vida pública”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará