O galego e o xaponés únense a través da literatura

As obras A rosa de cen follas e As Romaxes da Franqueira, de Ramón Cabanillas, así como unha Introdución ás Cantigas de Santa María, de Afonso X xa contan cunha nova versión bilingüe, neste caso ofrecendo a literatura galega en xaponés. O tradutor  e lingüista Takekazu Asaka foi o responsable destas edicións, que achegarán a cultura galega á xaponesa.

Agora, as palabras de Cabanillas e Afonso X tamén se poderán ler en xaponés, un feito que o secretario de Política Lingüística, Valentín García, definiu como unha “gran proxección literaria da lingua e cultura galegas tan lonxe das nosas fronteiras”. Por iso, o representante da Xunta de Galicia agradeceu a Asaka a súa labor “por facer apreciar e por en valor o galego ao redor do mundo”.

A paixón por Galicia do investigador Takekazu Asaka, a quen na Comunidade coñecen como Takiño, levouno a traducir estas obras da literatura galega, mais este non é o seu primeiro achegamento á nosa cultura. Dende que no 1978 coñeceu a existencia da lingua galega a través das páxinas de A Nosa Terra, levou ao lingüista xaponés a manter contacto epistolar con diferentes figuras da cultura galega.

Tampouco é a primeira vez que traduce obras galegas ao seu idioma natal, pois tamén foi el o autor das versións nipoas de Cantares galegos (2009) e Contos da miña terra (2014), obras de Rosalía de Castro. Cantata a Ramón Cabanillas (2013), Xograr Martín Codax (2015) ou Vos Eidos (2017), de Novoneyra, son outros títulos que se suman á súa traxectoria como tradutor.

Coas novas traducións, o galego volve romper fronteiras, aínda que no caso de A rosa de cen follas non sería a primeira vez, pois a obra xa fora traducida con anterioridade, aínda que esta é a primeira versión en xaponés. Esta edición, ao igual que As Romaxes de Franqueira, contan cun prólogo de Francisco Fernández Rei. Pola súa banda, a Introdución ás Cantigas de Santa María, con limiar de Tamón Lorenzo, consolídase como a primeira monografía que recolle sete cantigas marianas representativas para trasladalas ao xaponés.

Destaca tamén a produción musical que homenaxea a obra de Ramón Cabanillas, a través de catro cancións do autor e unha de Rosalía de Castro, producidas por Takekazu Asala. AS pezas están interpretadas pola soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará