Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O galego acada un segundo posto no Eurovisión das linguas minoritarias

O galego segue a romper fronteiras, desta vez da man de Carolina Rubiosa. A cantante galega, co seu tema O teu camiñar, acadou o segundo posto do Liet Internacional, tamén coñecido como Eurovisión das linguas minoritarias.

Cun total de 118 puntos, a galega só quedou a un punto da gañadora, Doria Ousset, que presentou o seu tema en corso. Con esta, é a segunda vez que o corso é o gañador deste festival.

A artista do Grove xa fora seleccionada co seu tema Sozinha no 2020, pero por mor da pandemia o festival non puido celebrarse. Por iso, este ano volveu presentarse, acadando un segundo posto cunha canción que promociona o Camiño Inglés a Santiago. O tema ten como protagonista non só o camiño e a peregrinación, senón tamén a John Lenon, que nos anos setenta proxectou facer dito camiño con Salvador Dalí.

Dende o 2002 as linguas minoritarias europeas teñen o seu propio certame de cancións, que este ano se celebrou o pasado venres 13 en Tonder, Dinamarca, un día antes do popular festival de Eurovisión. No festival, que se celebra anualmente coa colaboración da Oficina Europea de Linguas Minoritarias, non se pode cantar en inglés, dándolle protagonismo así as linguas minoritarias. Nas trece edicións do Liet Internacional, linguas como o córnico, o sami, o ladino, o frisón, o bretón, o corso e o catalán fixéronse coa vitoria. Máis información en G24.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.