O colexio no que os alumnos motivan aos profesores a falar en galego

O proxecto Aquí medra a lingua, a serieweb do Consello da Cultura Galega para dar a coñecer iniciativas de dinamización lingüística na escola, engade este luns o segundo dos capítulos. Titúlase Reforzar o propio e céntrase na experiencia do CPI Virxe da Saleta de Cea, centro integrado que xunta alumnado de infantil e da ESO. Escape rooms, bandas deseñadas, títeres, curtametraxes… son moitas e moi variadas as iniciativas que se fan neste centro que xuntou escola e comunidade e tivo iniciativas tan sonadas coma “A lingua sabe a pan”.

O 2010 foi un ano importante para o CPI Virxe da Saleta de Cea. Un incendio destruíu parte das súas instalacións e a reconstrución foi moito máis alá que o simple edificio. Imprimíronlle un cambio de rumbo no proxecto educativo. Como centro integrado, a rapazada está no colexio dende 4º de Infantil ata 4º da ESO, e toda ela, explica o Consello da Cultura Galega, “motiva o profesorado que chega ao centro a falar en galego”. De feito, algúns dos alumnos e exalumnos que participan no vídeo aseguran que “o que me gusta de Cea é que todos os que vimos aquí temos que falar en galego”, recolle o CCG.

O PROXECTO

Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme Garcia Mateo e que busca amosar que as escolas son un “cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión”. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas, que ofrecen un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia. Máis información en Galicia Confidencial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará