O barrio de Sants, en Barcelona, ten o seu propio recuncho para aprender galego

No barrio de barcelonés de Sants o galego ten o seu propio espazo. Cada semana, un grupo de alumnas reúnense cun mesmo obxectivo: aprender galego. Entre castelán, alemán, francés, inglés, italiano, catalán, éuscaro e árabe, na Aula d’Idiomes tamén está presente o galego.

A existencia de persoas que querían aprender galego en Barceola era evidente. O que faltaba era un lugar no que o ensinasen. Por iso, ante esta necesidade, xurdiu no 2014 a Aula d’Idiomes, un espazo de ensinanza de linguas no que o galego tamén ten cabida.

O interese por aprender galego compárteno as alumnas da Aula d’Idiomes, que coinciden na dificultade de atopar un espazo no que aprender a lingua fóra de Galicia. Jesica Sobrado, Diana Rodríguez e Rosa Ollé acoden, con outras compañeiras, cada semana a este espazo do Barrio de Sants, onde coa súa mestra Alba Losada, se mergullan na lingua e na cultura galega.

“Existe a necesidade de lugares onde aprender galego. Cando saes de Galicia segues atopando moito amor pola lingua”, explica Alba, quen, tras estudar Filoloxía Galega, realizou un lectorado de galego na Universidade Autónoma de Barcelona. Agora, imparte clases na Aula d’Idiomas, coñecedora previamente do proxecto desta organización.

A experiencia ensinando galego é positiva, e fai fincapé na metodoloxía que se leva a cabo na Aula d’Idiomas, o que define como “un espazo de ensino-aprendizace de linguas horizontal e de calidade baseado nos principios da autoxestión, da democracia directa, do anticapitalismo e a pedagoxía crítica”. E é que se algo define a Aula d’Idiomes é a súa organización, que se asenta nos valores do asemblearismo.

Dende o 2014, a Aula d’Idiomas ofrece aprendizaxe de diferentes linguas, así como servizos de tradución e asesoramento lingüístico. A Aula d’Idiomas está dentro de La Comunal dende o 2020, un espazo cultural cooperativo no que se desenvolven diferentes proxectos, todos eles baseados na autoxestión e a democracia directa, como explica Alba Losada. Aula d’Idiomes é un deses proxectos, que xunto con Lacol, Directa, Irídia, La Deskomunal, Jamgo, Quesoni e La Ciutat Invisible, cooperativas en diferentes ámbitos, crean ese espazo de proxectos da economía social e solidaria.

Tecer redes entre todas as cooperativas e crear un espazo de intercambio son as bases tanto de La Comunal en xeral, como da Aula d’Idiomas en particular. Pero máis alá destas ideas, que se demostran na organización de asembleas semanalmente, a organización tamén promove valores como a perspectiva de xénero e a diversidade.

“As aulas non se centran só na gramática”, explica Alba Losada, “senón que collen eixos temáticos, creamos talleres, difundimos actividades e tratamos a cultura galega”. A profesora tamén destaca a participación activa das alumnas, “cada alumna está dentro das tomas de decisións”, o que apunta como a chave do bo funcionamento das aulas. Xuntas tamén celebran e comparten actividades culturais relacionadas con Galicia que poidan xurdir no barrio.

Dende a outra perspectiva, a das alumnas, a Aula d’Idiomas tamén se valora de maneira positiva. “É unha maneira atípica de aprender e facemos piña”, sinala Jesica Sobrado, que aínda que seus pais eran naturais de Lugo, ela medrou en castelán. No 2019 decidiu dar o paso para aprender galego, e a cooperativa de La Comunal foi o lugar que lle ofreceu esa posibilidade. Pola súa banda, Diana Rodríguez naceu no Barco de Valdeorras e medrou en Barcelona, pero aínda que na familia sempre lle falaron en galego, quería formalizar a aprendizaxe da lingua.

As dúas mozas tiraron das súas raíces para estudar o galego, pero dentro na aula tamén hai alumnas sen relación familiar con comunidade. Rosa Ollé ten o catalán como lingua nai, e foi o seu afán por aprender linguas o que a impulsou a atreverse co galego: “Sempre me gustaron as linguas, aprendelas é algo que fago por pracer, e a partir da lingua coñecer a cultura”. Rosa Ollé comezou lendo libros de maneira autodidacta, e agora desfruta coas súas compañeiras da cultura galega.

 

AS TRABAS PARA APRENDER FÓRA DE GALICIA

Sobrado, Rodríguez e Ollé coinciden na escasa oferta para aprender galego máis alá das fronteiras da Comunidade. Pero tamén critican as dificultades para certificar o coñecemento do idioma. Cada ano, dende a Aula d’Idiomas, as alumnas preséntanse aos exames do CELGA. Entre risas, comentan os bos momentos que teñen compartido grazas a estas probas de certificación: presentarse a elas significa viaxar xuntas ata Galicia e pasar uns días estando en contacto co galego e as súas xentes.

As alumnas ven a parte positiva destes exames, pero tamén critican que non existan facilidades para as persoas que viven lonxe. En Cataluña non poden certificar o aprendido, e os exames presenciais en Galicia supoñen un esforzo económico e persoal para as persoas que desexan presentarse. Rose Ollé critica a pouca antelación coa que anuncian as datas dos exames: “Esperas por unha data e non o sabes ata quince días, ou menos, antes. Para os que nos temos que desprazar é un problema, porque posiblemente o avión sexa máis caro”. Pola súa banda, Diana Rodríguez cualifica de “nefasta” a xestión dos exames do CELGA.

A posibilidade de realizar as probas do CELGA fóra de Galicia vénse demandando dende fai uns anos, cando no 2020 estudantes de galego elaboraron un vídeo para reclamalo. Co cancelo #Querémolo, galegofalantes de diferentes partes do mundo pedían o recoñecemento oficial do galego máis alá das fronteiras de Galicia, unha iniciativa que partiu da conta  @instaengalego, da man de Carlos Vieito. “Levaron o vídeo ao Parlamento, pero non sabemos que máis facer, e non cambiaron anda”, lamenta Ollé.

CULTURA GALEGA EN TERRAS CATALÁS

Unha das características polas que se diferencia a Aula d’Idiomes é a promoción da cultura galega. Este ano organizaron un ciclo de lectura para promover a lingua e escrita en galego. “A literatura galega fica na periferia, por iso nos queremos achegar a esa literatura emerxente, algo que é moi necesario”, explica Alba Losada. Cada mes propuxeron unha autora, da cal preparaban un dossier e escollían unha obra para poder comentalas e abrir diferentes debates. Ledicia Costas, Berta Dávila, Rosa Aneiros ou Arantza Portabales foron algunhas das escritoras cuxas obras pasaron pola Aula d’Idiomes. O cuarto xoves de cada mes, escritoras galegas eran as protagonistas deste espazo do barrio de Sants, unha iniciativa que tanto a profesora como as alumnas valoraron de maneira moi positiva.

Da mesma maneira, calquera actividade é benvida para as alumnas, que destacan a oferta cultural en galego que existe en Barcelona, pero tamén dende a La Comunal promoven as súas propias actividades. As Letras Galegas tamén chegaron a Barcelona, que celebrararon no espazo da cooperativa o 21 de maio. Un xantar popular, un espectáculo sobre Florencio Delagado da man da agrupación teatral Furafollas, un intercambio de libros, un recital, as actuacións de Menina Arroutada e O Rebelo ou unha foliada aberta foron algunhas das actividades programadas que levaron o galego e a súa cultura ao barrio de Sants, para que “cunha festa rachada” se escoitasen as letras galegas máis alá de Galicia. A Aula d’Idiomas, xunto coas actividades que promove, é un exemplo máis de como o galego pode romper fronteiras para estar presente máis fóra de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará