O arquivo da RAG comparte unha fotografía do Chalé de Riazor

A finais do s. XIX e comezos do s. XX, A Coruña tiña na súa costa casas de baños. Aínda que o máis antigo rexistrado se atopaba no Parrote, era a zona de Riazor a que destacaba pola presenza destes balnearios. La Perfecta, La Primitiva, La Salud eran algúns dos nomes destas casas, ao igual que o Chalé de Riazor, do que o Arquivo da Real Academia Galega vén de compartir unha imaxe.

Tras 100 anos da súa desaparición, os únicos vestixios que quedan da construción é a fotografía dunha tarxeta postal, que se pode consultar na Galiciana, o Arquivo Dixital de Galicia.

Como a maioría dos seus balnearios contemporáneos, ofrecía servizos básicos aos bañistas, aínda que dispoñía doutros espazos. Un palco de música para concertos ou a súa funcionalidade de miradoiro no inverno permiten imaxinar como era a vida entre o s. XIX e o s. XX. Tamén se apunta, como explican dende o Arquivo da Real Academia Galega, a que era utilizado como secadoiro de redes. Artigo completo en Historia de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará