Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O Almanaque Agrícola ZZ, 70 anos acompañando aos agricultores galegos

O Almanaque Agrícola ZZ cumpre 70 anos achegando a lingua e a cultura popular á cidadanía, e así o quixeron celebrar na Casa da Cultura do Concello do Porriño. O pasado 28 de marzo o concello acolleu un acto que lembraba o primeiro número do libro, publicado no ano 1952.

Durante 70 anos o almanaque publicouse de forma ininterrompida, converténdose, ademais, na primeira publicación comercial en galego. Tendo sempre presente o uso da nosa lingua, o Almanaque Agrícola ZZ divulgou tradicións culturais e información científica relacionada coa agricultura na súa meirande parte. Tradición oral, cultura popular e etnografía mestúranse nesta publicación que fai chegar aos fogares dende información acerca de como loitar contra pragas ata refráns populares.

O acto celebrado no Porriño enmarcouse dentro do Día da Galeguidade Empresarial e nel o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, cualificou o almanaque como “unha icona das sinerxías entre empresa, campo e cultura”. 

No acto participaron o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o presidente do Foro Peinador, Xosé González Martínez, así como representantes da farmacéutica Syngenta, editora da publicación dende o 2001, e do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Empresas das Ciencias da Vida (BIOGA). Máis información en Galeguizar Galicia.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.