Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Nomes propios e literatura daranse cita na VII Xornada de Onomástica Galega

Nunha rápida ollada á literatura galega podemos atopar unha chea de nomes propios, tanto de persoas como de lugares, algúns deles reais, outros nacidos no mundo da ficción. Novoneyra falábanos do Courel, e Rosalía de Bastavales e as súas campás. Outros nomes son parte da cultura galega, como é Balbino, un neno de aldea, ou a Maxina de Marcial Valladaras. Son con estes exemplos cos que a Real Academia Galega quere facer ver a pegada da onomástica na literatura galega, anunciando a celebración da VII Xornada de Onomástica Galega que terán lugar no próximo mes de outubro.

“A onomástica literaria, que estuda a función e a significación dos nomes propios na literatura, é un campo pouco explorado no ámbito galego, pero ao gran rendemento que moitos dos nosos escritores lle teñen tirado”, explica a académica de número Ana Boullón. Por iso, dende a Real Academia Galega queren tratar un tema pouco coñecido, para examinar o uso dos nomes por parte dos autores galegos.

Os nomes na obra de Rosalía de Castro, a toponimia e a ecopoesía nas letras actuais, a contribución dos nomes artúricos ou a etimoloxía nas lendas de Troia son algúns dos temas que se tratarán. Todas as achegas froito destas xornadas estarán recompiladas nunha publicación en papel, que, e que completará a serie que cada ano recolle as intervencións das xornadas, que se celebran dende o 2016. No caso do volume do ano pasado, Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica no Camiño de Santiago, está composto por dez artigos que versan arredor da onomástica e o Camiño de Santiago.

A VII Xornada de Onomástica galega celebrarase o vindeiro 15 de outubro no Museo de Ponteverdra, e nela participarán referentes da literatura galega como Berta Dávila, Marcos Calveiro, fina Casalderrey, Marilar Alexandre. As escritoras compartirán nunha mesa redonda as súas experiencias elixindo nomes para as súas obras. A elas súmanse outras voces de profesores universitarios como Anxo Angueira, tamén presidente da fundación Rosalía de Castro, María Xesús Nogueira, Antón Palacio, Bieito Arias Freixedo,e Helena de Carlos. Pola súa banda, Xosé María Álvarez Cáccamo pechará a xornada cun acto poético no que a toponimia será a protagonista.

A VII Xornada de Onomástica Galega, que se celebrará o 15 de outubro a partir das 10.30h, estará aberta a todas as persoas interesadas, que se deberán inscribir previamente a través do correo electrónico publicacions@academia.gal, mais tamén se poderá seguir en directo de maneira virtual a través da web da RAG.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.