Neofalantes, o orgullo de falar en galego

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística

Nun libro publicado hai uns meses no que colaborei, eu citaba un texto de Manuel Sanchis Guarner de 1974 para ilustrar o que para min constitúe un dos grandes cambios sociolingüísticos que aconteceron no mundo contemporáneo: a progresiva desaparición das sociedades monolingües. Recorro novamente á literalidade do que este filólogo e historiador valenciano afirmaba hai case 50 anos: «El [idioma] autóctono es el primario. En el mundo actual todos deben ser políglotas; el monolingüe, aunque lo fuera en un idioma muy importante, tendrá inmensas limitaciones». Por máis que os acontecementos confirmaron a certeza do que entón era percibido como unha conxectura sobre algo que estaba por suceder, hogano aínda persiste a necesidade de aludir a este fenómeno social e ás incertezas da realidade nova que del se derivan. Púideno comprobar por última vez, semanas atrás, nun simposio celebrado en Palma de Mallorca ao que fun convidado a participar xunto a outras persoas de distintos países de Europa dos ámbitos da xestión e da planificación lingüísticas, así como do mundo académico. Unha das persoas alí congregadas foi o profesor frisón Durk Gorter, quen iniciou a súa conferencia explicando, mediante o establecemento de paralelismos confrontados, as diferenzas entre os marcadores da vitalidade dunha lingua no pasado e no momento presente. Así, referiuse, por unha banda, ao feito de posuíren dicionarios e gramáticas, tan operativo nas linguas da nosa contorna desde o século XIX ata ben avanzado o século XX, e, pola outra, ao grao de presenza e uso nas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram…), un dos indicadores fundamentais da vitalidade dunha lingua no que levamos andado do século XXI. O prestixioso sociolingüista deu remate á súa ben ilustrativa introdución, unha nota sobre a viaxe das linguas do onte máis recente ao hoxe tan voluble, expoñendo en contraste outros exemplos de mudanza, o último dos cales estaría destinado a mostrar a dualidade entre os «heritage speakers» (‘falantes de herdanza’) e os «new speakers» (‘neofalantes’). Segundo o criterio do profesor Gorter, cómpre concederlles hoxe aos neofalantes o papel protagonista que representaron, no escenario lingüístico do pasado, as persoas que adquirían por herdanza as competencias lingüísticas na súa lingua primeira, especialmente naqueles casos de idiomas que, coma o galego, viven en contacto con outro que é percibido pola xente como posuidor dun maior prestixio e dunha máis elevada rendibilidade social.

En Galicia, o termo neofalante hai xa moito tempo que habita entre nós. Con todo, xusto é recoñecer que entrou no noso vocabulario como un disfemismo co que se nomeou, ás veces con certo desdén, as persoas, preferentemente do ámbito urbano, que daban o paso de incorporaren o galego aos seus hábitos lingüísticos cotiáns, pero centrando a atención máis en como falaban, polo común un galego inzado de elementos procedentes das interferencias co castelán, ca no feito transcendental de estaren adoptando unha nova e inédita tesitura de compromiso coa lingua. No entanto, a estes galegofalantes urbanos referiuse, en 2017, o lingüista Johannes Kabatek con estas esclarecedoras palabras: «asumen que para levar a lingua adiante fai falta un certo esforzo: o esforzo de falala fronte á lingua de contacto e o esforzo de coidala e de preferir formas galegas fronte a formas castelás».

Un ano despois, en 2018, o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo debruzábase sobre esta cuestión desde unha óptica puramente materialista e propoñía diferenciar entre «novo falante» e «neofalante», identificando neste último en concreto «a quen aprendeu a falar nunha lingua maioritaria e decide facerse falante activo dunha lingua minorada». Esta forma de proceder ou conduta lingüística, desde o punto de vista deste sociolingüista galego, debe interpretarse como unha forma de desacato, «unha resistencia á dominante mercantilización das relacións humanas».

Sen negar que no acto de decidir aprender e facer uso do galego de xeito contián por alguén que tivo como lingua primeira o castelán pode haber moito de compromiso cunha causa e subxacer un claro posicionamento ideolóxico, creo sinceramente que tal perspectiva só ofrece o detalle dunha parte mediana dun cadro multicolor de dimensións moito maiores. O que parece evidente é que calquera proxección do galego cara a un futuro esperanzador ‒o cal, con toda seguridade, estará marcado pola intensificación dos fenómenos da multiculturalidade e do multilingüismo en todas as sociedades‒ ten que contemplar tamén formas de atraer e incorporar neofalantes distintas ás da motivación ideolóxica. Para fundamentar esta miña tese, defendida xa por min noutros foros, voume servir, nesta ocasión, dalgúns datos numéricos relativos ao sistema Celga (sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas), así como a algunhas experiencias referidas por examinadores e examinadoras que participan na proba destinada a avaliar a expresión oral das persoas candidatas á certificación.

Nos cinco anos que van desde o 2016 ao 2020, 8 949 persoas en total presentáronse ás probas Celga, das cales o 45,48 % eran nativas de Galicia, na súa maioría persoas que, por idade ou por outros motivos, non cursaran e superaran a materia de lingua galega na súa etapa de formación regrada. En consecuencia, máis da metade (4 879 persoas exactamente), procedían de fóra das fronteiras administrativas de Galicia, maioritariamente do resto de España (35,15 %), e tamén de América (12,59 %) e de Europa (6,06 %), neste caso cunha preponderancia de persoas novas. Quen coñeza o procedemento implantado neste sistema saberá que existe unha proba específica para a avaliación das competencias orais, unha fase na que a persoa examinadora adoita recibir o candidato ou candidata cunha breve conversa que, con algunha frecuencia, se inicia cunha pregunta sobre os motivos polos que decidiu estudar galego e presentarse ao exame. Só vou mencionar algúns casos que poden resultar paradigmáticos e ilustrativos dentro dos moitos que me referiron algunhas destas persoas examinadoras.

O primeiro deles pode ser o daquel profesor de secundaria da materia de matemáticas e natural de Almería que coñeceu unha moza galega e decide poñerse a estudar galego non só porque o precisa para participar no concurso de traslados de docentes da Administración galega, senón tamén porque cando vén a Galicia e está coa familia da súa actual parella é o único da casa que non sabe falar galego, o que percibe como unha distorsión na relación entre eles. Consegue pasar dunha situación de incomprensión case absoluta do idioma a obter o Celga 3 en dous anos de estudo na súa casa almeriense, onde aínda reside cando se presenta á proba.

Outro caso que pode ser útil para fundamentar a miña tese é o que ten como protagonista unha muller duns 30 anos, nai de dous nenos pequenos, arquitecta de profesión, que, cinco anos atrás, decide, xunto coa súa parella, trasladarse a vivir a Galicia desde Madrid animados pola feliz circunstancia de que o pai dos nenos herda un piso na Coruña. Toman esta importante decisión para o futuro da familia porque chegan á conclusión de que unha gran metrópole non é o mellor lugar para educar os fillos. Tanto ela como a súa parella anímanse desde o primeiro momento a estudar galego, non por imperativo laboral, senón para sentirse máis integrados na comunidade e para axudar os fillos nas tarefas escolares. Preséntase ás probas para a obtención do Celga 4 e consegue superalas, despois de facelo, en convocatorias anteriores, cos Celga 2 e Celga 3, sucesivamente.

Por último, lembro o caso que me contaron dunha rapaza natural de Francia que sorprende ao examinador desde o principio da proba por mostrar unhas competencias que a facían merecente, sobradamente, do Celga 4 ao que opta. Chegou a Galicia como participante nun programa Erasmus e aquí decidiu procurar traballo e establecerse despois de regresar a París para rematar a carreira. Afirmaba que na súa decisión de estudar galego influíra moito a circunstancia de que se introducira nun grupo de amigos cuxos integrantes eran maioritariamente galegofalantes.

Traio aquí estes exemplos de neofalantismo porque considero que cada un dos tres por separado posúe a condición de arquetipo no que teñen cabida outros moitos casos, talvez centos, con cadansúa peculiaridade. O que si parece certo é que as motivacións que empurraron a estas tres persoas a incorporaren a lingua galega ás súas vidas foron, fundamentalmente, estas: as esixencias laborais, a vontade íntima de querer integrarse plenamente na sociedade galega e mais as relacións de parella.

En conclusión, a miña proposta, fundamentada na experiencia, verbo da realidade do neofalantismo nunha sociedade que vai ser progresivamente máis multilingüe e máis multicultural consiste en crear polos de atracción cara á lingua galega, unha estratexia que deberá estar baseada, necesariamente, na persuasión a través do discurso razoado e dos afectos e mais no mantemento e creación de espazos netamente galegófonos que consigan que persoas alleas ao discurso galeguista se sumen a este proxecto xusto e necesario do mantemento do galego como idioma vivo e útil no futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: