Moito galego en só 200 palabras: así son os microrrelatos premiados pola RAG

Concentrar calidade literaria en galego nun número limitado de palabras é o que premiou a Real Academia Galega no V concurso de microrrelatos, que organizou xunto coa entidade PuntoGal. A pesar das súas diferenza de idade dos galardoados, todos eles teñen algo en común: a escritura en galego.

Tras recibir 900 historias de ata 200 palabras, a Real Academia Galega e PuntoGal fixeron entrega dos premios o pasado 27 de xuño, nun acto no que estiveron presentes os presidentes da RAG e PuntoGal, Víctor F. Freixanes e Manuel González, respectivamente, así como as académicas Fina Casalderrey e Olivia Rodríguez, a secretaria de PuntoGal, Edita Lorenzo, e o escritor e xornalista Lois Alcayde, representando a revista Luzes, colaboradora da iniciativa. Este premio, que contaba con diferentes categorías, premiou 9 escritores entre os que se atopan dende alumnas de educación primaria ata xubilados, demostrando ao mesmo tempo unha gran variedade temática.

Na categoría de persoas adultas os premios recaeron sobre o profesor de Xeografía e Hisotria, Antonio Cepeda Fandiño, co seu microrrelato “Aire libre”, inspirado na pandemia. O xubilado do sector naval Carlos Neira Suárez, con “Cronoloxías”, a perruqueira ourensá Anabel Rodríguez Vázquez, con “Herdanza” tamén resultaron premiados nesta categoría.  En canto á modalidade xuvenil, Antía Novas Arribas, Lucas González Pérez, e Carlota Alcalde Lorenzo, foron os gañadores. Os seus relatos “Sen”, “Nacido con identidade propia” e “Quen son?” foron os escollidos de entre máis de 200 historias presentadas por mozas e mozos de 12 a 17 anos.

Pola súa banda, na categoría infantil, que comprendía ata os 11 anos, Elena Pastoriza Cortizo, con “O gran baile”, Marina Cabrera Vives, autora de “Lingua adoptiva”, e Ximena Landeira Lista, coa obra “A mosca viaxeira”, fixéronse con cadanseu premio. Cabe destacar que “O gran baile”, primeiro premio desta categoría, resultou tamén o relato gañador máis curto, con só 16 palabras e que retrata “unha danza planetaria”.

No acto de entrega, Víctor Freixanes destacou tamén a participación de persoas de fóra de Galicia e dos “galegos e galegas de nacemento de acollida”: “Somos un pobo que quere contarlle ao mundo o que fai, o que sente, aquilo que a fai sorrir e chorar, as cousas que arela e o que é capaz de acadar”. Máis información no portal da Real Academia Galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará