Miguel, neofalante: “Quero loitar por estar preto da miña cultura e lingua”

Miguel estuda Filoloxía Clásica, e na súa clase a metade das súas compañeiras falaban galego. Tamén o galego comezou a ser a lingua maioritaria no seu círculo de amigos, así que só quedaba que el comezase tamén a usar a lingua de Rosalía. Aínda que foi un camiño cheo de inseguridades, asegura como o axudou Twitter, pois comezou publicando chíos en galego para perder a vergoña de falalo. “Tiña a sensación de que estás falando e que ninguén te escoita, entón tomeime esa oportunidade para convencerme de que ninguén me estaba lendo nin me ía corrixir”, comenta.

A través da poesía, da literatura e da música tamén se ía achegando pouco a pouco ás nosas letras. Rematando xa a carreira, Miguel Alcalde Silveira afirmar que é galegofalante, e está orgulloso do seu camiño.

Porén, volvendo a vista atrás é consciente de como o galego estivo lonxe na súa infancia e como nos seus ámbitos máis próximas esta non é a lingua habitual. Parte disto ten que ver o feito de que medrou en Ponferrada, cidade na que viviu ata os 8 anos. Tras isto, o seu segundo fogar foi A Coruña, onde no centro da cidade, onde el vivía, tampouco escoitaba falar a lingua. Foi a súa chegada a Santiago de Compostelán o que o impulsou ao cambio, ao verse nun lugar onde escoitar palabras en galego era máis habitual. “Cumpriuse esa idea que tiña de que en Santiago se escoita máis galego. Ademais, axudoume moitísimo rodearme de galegofalantes, e foi a motivación principal que tiven”, asegura Miguel.

A piques de cumprir os 22 anos e rematando a carreira, recorda o proceso de achegarse ao galego. Nun primeiro momento, a idea apareceu no bacharelato, onde comezou a ter máis consciencia política e da situación do galego. “Fun sempre dos poucos rapaces que lle falaba en galego aos profesores de galego”, comenta, sabendo que no seu entorno isto era algo excepcional, “e en segundo de bacharelato comecei a pensar en falar en falar galego máis en serio”. As amizades que tivo neste período académico tamén lle fixeron ter a lingua máis preto do que estivera nunca.

E é que Miguel é consciente de que as súas raíces falaban galego, e era a lingua que lle escoitaba aos seus avós. Porén, como en moitas outras familias, a ditadura franquista deixou fortes pegadas, e o galego tamén foi un dos aspectos que se viu afectado por este momento histórico. “Si que é certo que era outra época, e miña avoa, que agora ten 82 anos, viviu todo o franquismo. Nótanse as herdanzas desta época, porque lles afectou toda a persecución da lingua galega. Esa mentalidade quedou na miña nai, pois fomos educados en castelán”.

Recoñece tamén que aínda non é capaz de falar galego en todos os ámbitos, e lamenta que non sempre se acepte a lingua que un fala. Para el non só é difícil falar galego nos ámbitos que o viron medrar en castelán, senón que tamén atopou dificultades á hora de comezar o cambio de lingua. “A xente crese con dereito a ser unha Academia da Lingua falante e con patas.”, comenta referíndose a persoas que critican o xeito de falar de cada quen, “Ao principio atópaste con persoas que xulgan a forma na que falas. Ao falar en galego, comezaron a facermo e foi incómodo. A min non m e gustou esa experiencia porque me sentía xulgado”. Engade, ademais, que coñece experiencias similares entre outros neofalantes.

Pero a pesar de todas as trabas que se atopou no seu camiño, destaca por riba de todo como falar galego lle axudou a ter novas perspectivas sobre o seu futuro. “Ata entón eu non estaba preto da cultura, e empezar a falar galego fíxome aproximarme máis á cultura”. Cando comezou os seus estudos universitarios era consciente dos prexuízos que poden ter as carreiras de humanidades, e en especial a súa, filoloxía clásica. Por iso tiña claro que quería irse fóra de Galicia, e incluso de España. Pola contra, achegarse á literatura, á música, aos contidos na rede… fíxolle cambiar a súa visión. “Agora quero loitar por quedarme aquí e estar preto da miña cultura e da miña lingua”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará