Meiga-i, a revolución do drag con zocos e pandeireta

Fantasía galega elevada ao escenario. Así é como se define Meiga-i, aínda que ao pronunciar o nome, de seguida se estende este a “A drag pandereteira”. Non quedan moitas máis dúbidas detrás da personaxe. Con meiga, a referencia á mitoloxía de Galicia é clara. Co i pódese intuír rapidamente a alusión ao s. XXI, ás novas tecnoloxías e á modernidade. Porén, Javi Sánchez, a persoa que se atopa detrás da personaxe, ao iniciar unha videochamada asegura que as tecnoloxías non son moi amigas súas. Pero ten algo claro: se as meigas existisen na actualidade, serían hackers.

Coa cara ben maquillada, Meiga-i sóbese aos escenarios para versionar temas de artistas como Ana Kiro e Mercedes Peón, e canta coplas galegas, afastándose do pop e a cultura máis mainstream coa que se relaciona o drag. Recentemente conquistou un espazo como o Luar, e máis alá dos días do orgullo, o que quere é transmitir a súa mensaxe por todo o alto. E está a conseguilo, aínda que ten clara a xerarquía dos seus obxectivos: entreter, divertir e facer reflexionar, “se podo cambiar a forma de pensar do público mentres o entreteño, moito mellor”.

Dende que Meiga-i naceu nun contexto pandémico, non deixa de romper estereotipos, achegando unha narrativa única coa que se imaxina un mundo diferente. O seu espectáculo, que foi mudando dende o seu comezo, segue un fío narrativo: Meiga-i sofre unha posesión folclórica, da que se vai soltando a medida que avanza a historia. Entre canción e canción, que van dende versos populares a tecno, mesturándose con creacións propias, vai engadindo monólogos que, a modo de nexo, axudan a tratar temas como a diversidade, a crítica aos estereotipos galegos ou o papel da muller traballadora.

DRAG Á GALEGA

O seu espectáculo, como ela mesma define, é unha proposta moi concreta, polo que non sempre é fácil atraer ao público, e por iso di que é “a rara das raras”: “Estou bastante soa en xeral, que tampouco ten porque ser unha dificultade, pero si te das conta de que no ámbito do espectáculo te podes sentir soa”.

“Para min isto é como un exercicio de investigación que busca como sería o transformismo á galega”, explica, sendo consciente das influencias tanto nacionais como americanas que existe no panorama do drag en Galicia.

O que ofrece Meiga-i pode resultar diferente para un público acostumado a un drag influenciado polos fenómenos televisivos. Con dúas temporadas emitidas, e no camiño dunha terceira, o reality Drag Race España acada cada vez máis popularidadade. O show segue o formato da serie estadounidense, RuPaul’s Drag Race, que tras 14 temporadas estendeu o seu éxito por máis países, como é o caso de España, onde agora se emiten as versións nacionais. Pero máis alá de grandes tacóns e traxes espectaculares, cómpre ollar o panorama local, onde o transformismo leva presente máis tempo do que se pensa.

Nunha ollada ao panorama español, sinálase o s. XVI, a Idade de Ouro, como  o nacemento das transformistas, onde en disciplinas artísticas como o teatro era común atopar a homes interpretando papeis de muller. Incluso durante a ditadura franquista, as representacións transformistas estiveron presentes, seguindo unha liña máis enfocada ao tradicional e a imitación de diferentes estrelas da cultura da época, como Lola Flores ou Sara Montiel. En Galicia, o transformismo tamén tivo o seu espazo, destacando a aparición das Queenpostelas no programa televisivo Luar a finais da década dos 90, ou o camiño que abriu Cristian de Samil.

“Como artista dinme conta tempo despois que unha das miñas primeiras influencias como artista travesti fora a Señora de Palmirez”, comenta Javi Sánchez facendo un percorrido pola historia do transformismo en Galicia e os referentes que se poden atopar dentro da comunidade. “A Señora de Palmirez é unha artista travesti, unha personaxe absolutamente drag, de arriba abaixo, pero non pola roupa, se non pola interpretación: é unha fantasía absoluta, un soño”, engade.

Este tipo de representacións nos medios de comunicación é habitual, pero moitas veces dende o punto de vista da parodia: “Hai unha parte de xente que pensa que o meu espectáculo é unha mofa ou unha parodia, polo mero feito de tratar temas galegos. A xente está moi afeita a iso: que se normalice o uso de acentos ou características populares para representar a personaxes ‘catetas’”. É por iso que unha das aspiracións de Meiga-i é o transformismo vocal, pois gustaríalle poder converter a súa voz na dunha señora. Sería unha maneira de achegarse máis á personaxe, pero tamén a reivindicación do uso do galego popular, utilizándoo con naturalidade e libre de artificios para romper os estereotipos que aínda se conservan asociados a el.

Meiga-i, a drag pandereteira, no videoclip de Rumba do Pam de Rabelo / Elena Álvarez

LIBERARSE DO COSMOPALETISMO

Meiga-i canta e fala en galego. Leva enriba das táboas trazas da cultura galega e a súa mitoloxía. Pero tamén critica todos os estereotipos aínda presentes arredor do propio. “Ás veces hai un certo cosmopaletismo e urbanidade que me fan sentir moi allea co público e a xente rise de min ‘porque soy la gallega’, reducindo todo o que fago a iso”. O galego lévao con orgullo, pero tamén xoga dende o humor e a parodia: “fíxate que as miñas fans fanse chamar as pailarocas”, ri. 

Ollando o panorama actual do drag galego, Meiga-i está rodeada de moitas compañeiras. Aínda así, lamenta que este panorama non estea adaptado á realidade galega. As necesitades galegas difiren do que se pode atopar nas grandes cidades, polo que sinte que a loita queer debería entender as necesidades galegas. Meiga-i reivindica a loita “cuir”, e reflexiona sobre o urbanismo que moitas veces se atopa nas vilas galegas, onde se atopan comunidades LGTBIQA+. “Un público tradi non está acostumado a unha travesti. Pero xusto ao contrario, ao público LGTBIQA+ nin se lles ocorre que isto (o seu tipo de espectáculo) poida ser así”.

“Levarlle o meu discurso, aínda que de maneira indirecta, a xente que igual non escoitou falar disto é onde está a verdadeira loita”

Na súa páxina web, anuncia as súas actuacións así: “Quixera contarvos a historia dunha nena calquera. A nena abriu un día unha porta, tras ela unha fantasía. Na aldea, cando a viron vestida… algo quería contar-e non o escondía”. Máis alá da narrativa interna, Meiga-i chegou a vila e pequenos concellos, onde destaca o agradecemento e acolla do público: “Levarlle o meu discurso, aínda que de maneira indirecta, a xente que igual non escoitou falar disto é onde está a verdadeira loita. É unha maneira de poñerlle cara á loita LGTBI”. Recentemente visitou San Sadurniño, e non puido quedar máis contenta coas súas mulleres, aínda máis cando rían ou seguían algunha copla. E é que con estes pequenos pasos, o que consigue é que a súa mensaxe “transcenda fóra do alpendre”.

 

A PRECARIEDADE DE FACER DRAG EN GALICIA E EN GALEGO

Aínda que cada vez sexan máis populares os espectáculos drag, dedicarse profesionalmente a isto é algo que só algunhas se poden permitir. A falta de espazos é outra das trabas, así como a creación de espazos, programas, encontros ou residencias que promovan este tipo de espectáculos, sen limitarse só ás programacións do mes do orgullo. “É interesante aclarar que as institucións son moi oportunistas para isto. Non só é ‘o día de’, é unha responsabilidade, e deberían fomentar este tipo de cuestións máis alá dunha festividade”, reivindica Meiga-i.

A precaridade do sector vai da man que sexa difícil a profesionalización, por iso é necesaria unha maior aposta por este tipo de contidos, e aplaude iniciativas de pequenas institucións que inclúen propostas queer cunha maior naturalidade. Aínda así, traballar e cobrar por elo é un privilexio que só algunhas se poden permitir, pois non sempre os espectáculos, e en concreto os transformsitas, se vén recoñecidos coa moeda de cambio.

Como xestor cultural, Javi Sánchez cre no poder transformador da cultura e a posibilidade de transmitir mensaxes sen utilizar necesariamente unha maneira explícita. A súa axenda ao longo do ano, comparándoa cos pasados meses de xuño e xullo, vaise baleirando á medida que se afasta o mes do orgullo. Aínda así, a esperanza está enriba da mesa, polo que dende as súas actuacións segue a romper estereotipos para achegarlle a un público cada vez maior outras visións da vida e do mundo diferentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará