Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Marta Salutregui: “Comezar a falar galego forma parte da miña deconstrución, de desaprender o imposto”

A ferrolá Marta Salutregui botouse a falar galego de xeito progresivo: primeiro a través das redes, logo con persoas descoñecidas, máis adiante coa familia e amizades… Ao longo deste camiño, tamén creou unha iniciativa que foi lugar de xuntanza para persoas neofalantes e que lle serviu como plataforma para unha sorte de “saída do armario” lingüístico. Graduada en Humanidades e Máster en Formación do Profesorado, Marta aconsella “non agobiarse co concepto de paso definitivo” ata ser neofalante. Eis a conversa con ela:

Marta, como era a túa realidade lingüística na infancia e adolescencia en Ferrol e cando deches os teus primeiros pasos co galego? 

Ninguén da miña familia, no sentido máis extenso, fala galego, e na escola e no instituto nos que estudei tampouco se empregaba máis aló do que duraban as sesións de Lingua e Literatura. Por sorte, os libros doutras materias estaban en galego e iso -sumado á emisión do Xabarín Club- foi determinante para que eu o aprendera. En Ferrol tampouco se escoita a miúdo; aínda que si hai algunhas asociacións que o teñen como lingua vehicular. Cando marchei a Compostela facer o mestrado, descubrín que non en todas as cidades acontece como na miña. Alí todo o mundo falaba galego e foi onde empecei a facelo eu con máis frecuencia. 

Que reflexión hai detrás desta decisión de cambiar de lingua? 

Ata que comecei a relacionarme con persoas galego-falantes non contemplaba a posibilidade de selo eu. A decisión definitiva chegou cando me din conta de que tiña a posibilidade de falar unha lingua que forma parte da cultura coa que máis identificada me sinto. 

Podes contarme como se desenvolveu este proceso de cambio? Falas galego en todos os ámbitos ou hai algúns nos que manteñas o castelán? 

Fun engadindo progresivamente ámbitos de uso: comecei polas redes sociais, despois introducino na comunicación escrita, máis tarde comecei a probar con persoas descoñecidas e, finalmente, atrevinme coa familia e coas amizades. Esta planificación permitiume ir perdendo os medos que tiña froito da miña falta de práctica e, por outra banda, da posibilidade de que fora criticada a miña decisión. Finalmente, non me sentín xulgada en ningún momento, aínda que si tiven que dar algunhas explicacións: moita xente interesouse polo motivo do cambio e eu, en ocasións, xa o anticipei para evitar as preguntas. Actualmente falo galego en calquera contexto; en parte, porque teño a sorte de que é a lingua materna da miña actual parella e, ademais, a miña familia máis próxima emprégao a miúdo cando fala comigo. Iso fai que, de xeito inconsciente, o normalice. Tamén é motivador coñecer cada vez máis persoas galego-falantes. 

Agora a túa familia fálao contigo, pero nos primeiros momentos como xestionaches o cambio na casa? 

Decidín crear un espazo virtual para neofalantes coa fin de que a transición me resultara máis doada e o primeiro que fixen foi convidar á miña familia e, de paso, comuniqueilles a miña vontade de selo. De todos xeitos, aínda que non puxera en marcha ese proxecto, teríallelo contado nunha especie de “saída do armario” para evitar incomodidades. 

Cres que é importante construír espazos e contextos amigables onde as persoas neofalantes se sintan cómodas para falar galego?

Eu tiña tantas ganas de conseguir ser galego-falante e teño tan clara a importancia de moverse entre iguais que decidín crear un grupo para persoas que estiveran na mesma situación. Ademais de practicar, servíanos para compartir as nosas dificultades e axudarnos a superalas.

Batiches ou bates con trabas ou prexuízos? E de onde veñen: doutras persoas galegofalantes, de castelanfalantes…? 

O feito de que algunhas das persoas castelanfalantes da miña contorna me respondan en galego é indicativo de que o cambio foi ben recibido. O que si que me sorprende negativamente é que se me especifique que non hai problema porque o empregue… Xa sei que podo facer un exame nun centro público de Galicia en galego! Faltaría máis! 

Que papel xogaron no teu proceso as redes sociais e os espazos de activismo feminista e LGBT? Foron aliadas? 

Os meus primeiros contactos con grupos de xente que falaban en galego foron no activismo feminista e LGBT+, que son espazos nos que me atopo especialmente cómoda. Iso fixo que lle engadira un valor positivo á lingua galega: sentía que se a empregaba noutros contextos, podía levar comigo esas boas sensacións. 

Sempre digo que o galego ten que deixar de limitarse a ser a lingua na que se estudan cousas aburridas no colexio. Necesítanse referentes que demostren que pode ser falado por calquera persoa e en calquera contexto; e non hai mellor sitio que as redes sociais para visibilizalo. Dende que son galegofalante, sigo un par de contas que crean contido en galego e debería buscar algunha máis porque é beneficioso para enriquecer o vocabulario e as estruturas e mesmo para corrixir erros e evitar castelanismos. Teño que recoñecer que isto último non é algo que me preocupe especialmente a nivel individual porque entendo que forma parte do proceso de cambio. 

Que che che aportou a nivel persoal ter mudado de lingua?

Falar galego forma parte da miña deconstrución, de desaprender o que se me impuxo dende que nacín. Así que me supón ter máis liberdade e sitúame máis nas marxes, que é algo que non me desagrada. 

Que consellos darías a unha persoa que anda indecisa ou non se atreve a dar o paso definitivo ao galego?

É importante non angustiarse co concepto de “paso definitivo” porque hai xente que precisa de moitos intentos para conseguilo. Polo demais, como para calquera proceso de cambio, fai falla tempo, paciencia e ganas. Creo que é inviable facelo dun día para outro: Eu levo case un ano falándoo a diario e aínda hai días que esperto e se me esquece.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.