Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

María Rosa Lojo, unha galega-arxentina na RAG

RAG terán en breve un novo membro de honra, a escritora María Rosa Lojo, que ingresará na Real Academia Galega o mércores 28 de setembro. A autora, unha das figuras máis recoñecidas das letras arxentinas contemporáneas, pronunciará o discurso titulado Unha galega filla en Buenos Aires nunha sesión extraordinaria. Responderalle en nome da institución o presidente Víctor F. Freixanes. O acto, aberto ao público ata completar a capacidade da sala, poderá tamén seguirse en directo dende academia.gal.
A RAG nomeou a María Rosa Lojo (Buenos Aires, 1954) membro de honra no pleno celebrado a finais de decembro de 2019 pero o ingreso tivo que adiarse por mor da pandemia de coronavirus. Filla de pai galego e nai castelá, a académica electa conta cunha salientable traxectoria tanto como experta en literatura como autora dunha destacada obra creativa que a converteu nunha das escritoras arxentinas máis internacionais.
A súa é unha voz profundamente vencellada a Galicia. A emigración e o exilio son constantes por igual nos seus textos autobiográficos e de ficción e nos ensaios de investigación, á procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino como imprescindible elemento fundador da súa nacionalidade”, indica a RAG nun comunicado. Con este obxectivo desenvolve tamén unha tarefa de divulgación constante entre a colectividade galega en Arxentina e en foros especializados internacionais.
María Rosa Lojo, doutora en Letras pola Universidade de Buenos Aires, foi investigadora principal do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina (Conicet) e na actualidade é directora académica do Centro de Edicións Estudos Críticos de Literatura Arxentina na Facultade de Filosofía, Letras e Estudos Orientais da Universidade do Salvador, na capital porteña. Dende 2015 é membro correspondente da Academia Norteamericana da Lingua Española e dende 2017 pertence ao consello de administración da Fundación Sur.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.