Máis de 50 proxectos presencias e dixitais reciben axudas pola promoción do galego

A través do programa TeCE Redes, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca fomentar o uso e presenza do galego dotando cunha cantía duns 10.000 euros diferentes proxectos culturais. Os beneficiarios destas axudas veñen de ser publicados, sumando un total de 52 propostas de carácter moi diverso.

Dende producións de videoclips, a libros ilustrados, pasando por propostas escénicas, recibirán un total de 500.000 euros, dividíndose o orzamento entre proxectos presenciais e dixitais. “Crear un repertorio de proxectos dixitais e de servizos presenciais que nutran” os programas de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística é o obxectivo destas axudas, que se desenvolven ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021/22.

Entre as iniciativas presenciais que recibirán a axuda atópanse as compañías teatrais Ralía Teatro, Fantoches Baj, Títeres Cachirulo, Elefante Elegante, A Xanela do Maxín e Producións Excéntricas. Xunto con outros proxectos como os concertos de Magín Blanco, ou obradoiros de xogos de mesa ou danza tradicional, suman un total de 30 iniciativas beneficiadas. Todas elas serán presentadas en espazos públicos como os circuítos culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, listaxe na que se atopan bibliotecas e salas da Cidade da cultura, entre outros.

Pola súa banda, libros ilustrados ou videoclips de Ukestra do Medio ou Aldaolado son algunha das 22 propostas dixitais seleccionadas. Estas serán ofrecidas “gratuitamente a través das plataformas dixitais +, páxinas web, redes sociais e medios de comunicación públicos”.

Con TeCe Redes, a Secretaría de Política Lingüística quere seguir promovendo o galego na cultura, así como achegarse á poboación máis nova. Máis información en Cultura Galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará