Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Máis de 40 artistas levarán a cultura galega ao Festiletras da Aldea do Couto

Xabier Díaz, Baiuca, Dios Ke Te Crew ou Rodrigo Cuevas son algúns dos artistas que encabezan o cartel do Festiletras, un festival que chega á súa 40ª edición ofrecendo música e actividades en galego na Aldea do Couto. Do 1 ao 4 de setembro, a cultura en galego é a protagonista da aldea de Ponteceso, que celebra o festival dende os anos 80.

“Esta aldea bergantiñá volverá ser o epicentro da cultura galega para festexar as Letras un ano máis, esta vez con 40 artistas para 40 anos”, anuncian dende a súa páxina web, onde se recolle toda a programación para as 4 xornadas. Dende ciencia a música, pasando por obradoiros, contacontos, monólogos, teatro, danza ou poesía, contando incluso coa presenza dos Peliqueiros de Castro de Laza. A Aldea do Couto acollerá unha morea de actividades diferentes para todos os públicos.

O festival desenvolverase ao longo dos 4 días, durante os cales haberá actividades durante toda a xornada: mañá, tarde e noite. Ademais, ofrecen unha zona de “leiring”, que, como definen dende a organización, tratarase dunha leira na que se poderá acampar durante as Festiletras.

Nomes como os de Quico Cadaval, Rosa Aneiros, Séchu Semnde, Carlangas DJSet, Elvis Negro, Rodrigo Cuevas, Baiuca, Xa Era Hora, Oîma, Xabier Díaz, Olaia Sendón… daranse cita na Aldea das Letras para, un ano máis, celebrar as letras galegas “cunha programación cuxo peso, densidade e extensión no tempo chegou a ser superior á de calquera programa institucional”.

As entradas diarias, de oito euros cada unha, pódense mercar a través da páxina web do festival, onde tamén se pode consultar a programación detallada. Aínda que os bonos para os catro días e as entradas para a xornada do 1 de setembro xa se esgotaron, aínda se poden adquirir boletos para os días, 2, 3 e 4. O Festival Festiletras conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Ponteceso, Cervezas Alhambra, Eroski, Deleite e a Fundación Pondal, que cada ano fan posible que a cultura chegue á Aldea das Letras.  

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.