Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Jokin, o tiktoker do País Vasco que fala en galego

Aos seus 26 anos, Jokin Pedreño, do País Vasco, sabe euskera, catalán, xaponés… e galego. A Jokin gústanlle moito as linguas, e aprendelas é un dos seus hobbies, por iso no 2020 decidiu aprender galego. Pero aprender galego tamén veu motivado pola súa vinculación con Galicia, pois a súa avoa era de Ponteareas e súa nai naceu en Vigo. El, porén, nunca escoitou falar galego na casa.

Onde agora si se pode escoitar galego é na súa conta de Tiktok. A través do seu perfil @jokinp.gz, Jokin comparte as súas experiencias co idioma. Con xa máis de 2000 seguidores, comparte as súas vivencias, o que comezou nun principio só co obxectivo de poder practicar dalgunha maneira o seu galego oral. Cos seus vídeos, nos que tamén responde preguntas a cerca do euskera, o mozo de Orereta posiciónase dentro do galitok. “A gente está mui feliz de que persoas de fora aprendam galego”, afirma Pedreño.

“Há gente que segue a crer que o castelán é o único idioma válido na rede”

“Recibo um feedback mui bom, e a gente di-me que falo mui bem. Ás vezes dim que falo melhor que muitos deles. Nom me digades isso que é triste, respóndo-lhes”, conta Jokin da súa experiencia compartindo vídeos en galego. Recorda tamén, como na súa única visita a Santiago de Compostela o recoñeceron pola rúa e lle agradeceron o seu esforzo, algo que o sorprendeu. Como creador de contido, valora positivamente a situación actual do galego nas redes socias, “ainda que non seja suficiente, pois há gente que segue a crer que o castelán é o único idioma válido na rede”.

Porén, tamén afirma que ten recibido críticas polo seu galego: “Há polémicas porque escrevo na norma reintegrada”. Jokin coñeceu a norma reintegrada de maneira casual. Cando comezou a aprender galego, o primeiro material que atopou estaba en galego reintegrado. “Eu nom tinha nim ideia de que existiam duas normas, duas correntes. Eu atopei isso e estava mui confuso”, conta “eu tinha lido sobre o nh, como o de unha, pero no material que eu empregava era como o ñ, polo que eu non entendía como tinha que ler isso”. En busca cunha solución, atopou as dúas normas do galego, a reintegrada e a da Real Academia Galega.

Comezou entón a empregar a normativa da Real Academia Galega, tendo en conta que nun futuro, de querer facer algún exame, o debería facer con estas regras. “O que me aconteceu foi que conforme ia falando mais e mais galego, para min tinha mais sentido a norma reintegrada, e também me era mais singela, porque nom tenho nengum tipo de conexión coa norma da RAG, porque eu nom crecim na Galiza nim estudei galego”, comenta.

“INTENTO FALAR COMO FALARÍA MINHA AVOA SE FALASE GALEGO”

Así, mudou ao reintegracionismo, do mesmo xeito que fala o galego da orixe da súa avoa. A través do teléfono, escóitase un galego perfecto marcado por unha gheada e seseo moi propio da costa. “Fago o s e o x implosivo ao final da sílaba, e mudo algumhas formas verbais. Tamén digo mirar en vez de ver”. Jokin é moi consciente de cal é a súa posición respecto a lingua, e como e por que a fala. Só estivo unha vez en Galicia, o verán pasado, pero coñecer as súas raíces galegas é algo que valora moito. Tamén sabe que seu avó, de orixe madrileña, aprendeu galego, aínda que el non chegou a oílo falar.

“Minha avoa é mui maior, pero fai-lhe graça e ilusom que eu fale galego”. Algunha vez, Jokin intentou sacarlle palabras en galego, e decatouse que, como el sospeitaba, tiña gheada e seseo. “Eu tento falar como falaría minha avoa se falase galego”, afirma orgulloso.

Para el aprender linguas é un hobbie, e rompe cos estereotipos de que as linguas só lles interesan as persoas que estudan humanidades. Graduado en bioquímica molecular, goza aprendendo linguas e agora do galego, un idioma que lle permitiu achegarse a Galicia e a súa cultura, pero por riba de todo, “conhecer muita gente que doutra maneira non conhecería”.

https://www.tiktok.com/@jokinp.gz/video/6911031022280854786?is_copy_url=1&is_from_webapp=v1

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.