hydn, de neofalante a soñar con levar o seu galenghish a Eurovisión

Sandra Guedev, máis coñecida como hydn, gústalle pensar que o seu proxecto musical comezou como “a creación dunha especie de alter ego vampírico”. Cores negras escuras, unha posta en escena que deixa coa boca aberta, grandes plataformas e un pelo vermello coma o lume axudan a crear esa idea vampírica da artista. Ela ri ao admitir inspiracións que se moven entre crepúsculo e cazadores de sombras, con cancións que beben dos seus letristas favoritos, Zayn, de One Direction, e o galego Sen Senta.  Mais tamén afirma rotunda: ela quería “facer como un The Weekend pero en muller”.

Pero máis alá dunha proposta musical diferente escóndese moito máis, entre o que destaca o uso dun “galenglish” co que quere chegar a toda Europa. Despois de acadar estar entre as 12 favoritas de entre máis de 700 artistas, dentro da Elección Interna de Eurovision-Spain -a mesma na que as Tanxugueiras resultaron vencedoras- hydn soña con participar do Benidorm Fest e levar a súa música a Eurovisión.

“Acabar de número 11 entre nomes tan famosos, que levan anos nesa enquisas, é unha barbaridade. Grazas a isto coñeceume un montón de xente e é un impulso enorme para seguir traballando”. Pero aínda é maior o orgullo se pensa que quedou de segunda dentro da votación dos socios, que correspondía ao 25% do resultado total. hydn xa quería presentarse ao Benidorm Fest, pero co resultado desta enquisa ve máis factible a súa participación no festival.

Ao falar de futuro, hydn é optimista: “véxoo tirando para arriba e espero que vivindo da música nuns meses. De momento estou centrada e focalizada, pero sei que pode saír mal”. O seu camiño na música pode verse no grupo Island Valley, pero admite que facían “música para chorar” e que ela quería aspirar a algo máis, “tiña a necesitade de romper con todo o anterior”. Island Valley e hydn conviviron durante un breve espazo de tempo, mais agora o seu obxectivo é seguir traballando no seu proxecto actual, hydn.

O comezo foi lendo e intermitente, compaxinándoo con outros traballos e evolucionando paulatinamente. A día de hoxe segue a traballar para mellorar e aprender, e lamenta que nun pasado non tivo unha gran formación, o que ás veces a limita, como o feito de compoñer por oído. Pero Sandra ve que está cumprindo obxectivos, creando unha personaxe diferente e descoñecida, “que incluso pode dar medo”. “Veño queimar con todo, hydn é moita forza, poder, e representa ese renacemento que tiven”.

hydn e Sandra son a mesma persoa, pero ela mesma sabe diferencialas. Porén, é consciente de como entre elas se alimentan para seguir medrando: “Para min morreu Sandra como era ata o momento que naceu hydn, e a Sandra de agora é unha Sandra que coñece a hydn”.

 

NEOFALANTE E NAI DO GALENGLISH

Dende o 2017, Sandra Guedev fala galego, mais a súa aproximación ao galego comezou no instituto, cando as palabras de autores como Manuel Antonio e Celso Emilio Ferreiro a atraparon por completo. Estudando Produción Audiovisual coñeceu ao seu actual director de foto, quen lle falaba galego, o que fixo que cada vez se sentise máis próxima á lingua.

Agora, Sandra afirma ser neofalante, mais cunha mestura de variedades: “Teño un galego da Mariña, pero con cheísmo e cousas de Ourense polas obras de Celso Emilio Ferreiro. Moitas veces pregúntanme de onde son, pois dinme que teño galego da Mariña, mais son da costa da Morte”.

Porén, laméntase dos prexuízos que hai con respecto ao cambio de lingua: “A moita xente pódelle custar máis o cambio porque non sempre hai un entorno empático”. No seu caso non sentiu presión por isto, pero si admite ter recibido comentarios criticando o seu galego. “A miña lingua é o galego, e quero facela accesible para a xente que me sigue”, afirma a cantante. É por iso que nas súas redes sociais, como TikTok, engade subtítulos en castelán.

O galego está presente na súa música, mais compaxinado co inglés, ou como ela chama a esta unión ideomática: galenglish. “Sempre me atraeu moitísimo achegar culturas diferentes, achegar unha máis pequena a outra máis globalizada”, afirma a artista.  Ambas linguas pasan pola súa cabeza na música e na vida cotiá, mesturando expresións. “Algo moi curioso do que me dei conta nunha clase de canto é que á hora de colocar a voz, o galego e o inglés soan moi parecido, e quedan moi ben xuntos”.

Agora, hydn segue a apostar polo galenghisg e admite estar a traballar en temas para enviar ao Benidorm Fest. “Quero facer algo escuro, pero prefiro non dicir nada máis”. Para iso, apóiase do seu equipo, a quen define como “marabilloso”, co que traballa para que a súa música se coñeza a nivel nacional e internacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará