Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Galicia participa na Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial co tema AI-LALELO

Galicia participa coa canción AI-LALELO no AI Song Contest, a Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial, que terá lugar o vindeiro 6 de xullo en Liège (Bélxica). A candidatura está formada por un equipo multidisciplinar de seis artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos que teñen o obxectivo de promover a lingua e cultura de Galicia no eido internacional a través das novas tecnoloxías. A iniciativa está liderada polo xornalista Joel Cava, da axencia creativa compostelá Cecubo Group.

O tema AI-LALELO participará no AI Song Contest, un festival impulsado en 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO, coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado do Festival de Eurovisión. Esta será a primeira vez que unha canción galega participe no concurso. No caso de superar a semifinal, na que só se conta co voto do xurado, AI-LALELO competiría nunha hipotética final na que a cidadanía poderá votar.

A canción, creada por este equipo a través da intelixencia artificial, pretende ser unha homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia e a súa tradición, lingua e cultura. O tema mestura raíz e modernidade, cunha base nas cantigas medievais galegas pero cun toque futurista grazas ao uso da intelixencia artificial na súa composición. Ademais, a canción busca transmitir a responsabilidade da cidadanía para que a identidade e a tradición galega continúen vivas.

A letra da canción, coas voces de Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva e Xandre Outeiro, narra a historia dunha costureira, unha muller galega de finais do século XIX quen, por mor da situación socioeconómica da época, com-paxina o seu oficio artesanal con labores domésticos e do campo. O tema explica a situación da muller nas distintas estacións do ano, cunha personaxe cada vez máis escura, ata chegar a unha especie de aquelarre.

Ademais, o equipo leva o nome de “Ana María Prieto”, unha homenaxe á primeira muller programadora informática galega. O grupo de traballo está formado por profesionais como Juan Alonso, tecnólogo en machine learning e redes neuronais; Sofía Oriana, doutora en Composición en IA e compositora de Elisa y Marcela (2019) de Isabel Coixet; Xandre Outeiro, produtor de bandas sonoras e músico no Projeto Trépia; David Santos, doutor en Telecomunicacións e músico, arranxista e compositor; Marta Verde, artista dixital responsable dos visuais de Tanxugueiras no Benidorm Fest e profesora asociada no Berklee College of Music de València; e Joel Cava, responsable creativo de Cecubo Group.

Proceso creativo

O proceso para compoñer a canción durou catro meses, comezando por lograr que a computadora aprendese a falar galego e a compoñer unha copla, a partir dunha achega de 400 cantigas do arquivo dixital Volaivai. No relativo á letra, a propia máquina xerou os primeiros versos, cunha temática como fío argumental: a costureira nas distintas estacións do ano. Neste aspecto só foi necesario corrixir algunha falta de ortografía e adaptar algunha frase.

A melodía está feita a partir da copla popular A Costureira, a partir da cal, o propio ordenador xerou diferentes liñas melódicas con Google Magenta. No relativo á música, graváronse instrumentos e utensilios de labranza que se procesaron polo sistema DDSP, conseguindo unha zanfona, pandeireta, bombo, sacho, prato, tixola e lata de xeito artificial.Xa na fase final, engadíronse as voces, un baixo e unha arpa de boca ao natu-ral, ademais de realizarse procesamento de audio con algoritmos. Por último, elaborouse o videoclip da canción con intelixencia artificial, reinterpretando unha escolma de escenas típicas galegas.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.