Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Fernando Ramallo: “As redes sociais son un espazo de oportunidades para mobilizar o galego”

Fernando Ramallo é sociolingüista e profesor da Universidade de Vigo (UVigo). O estudo do neofalantismo, das súas implicacións, oportunidades e desafíos conforma unha das súas liñas de investigación máis importantes. Nos últimos anos, Ramallo interesouse especialmente polas realidades das persoas neofalantes dixitais, e de feito, tamén como membro do xurado da última edición dos Premios Youtubeiras, coñece ben a saúde do galego na Internet e nas redes sociais. Falamos con el sobre os perfís do neofalantismo aquí e noutros lugares do Estado e sobre o alcance do fenómeno; e pedímoslle uns cantos consellos dende a súa propia experiencia de conversión lingüística. Isto é o que conta.

O perfil máis coñecido de persoas neofalantes está situado nas cidades e corresponde a xente nova con estudos de secundaria ou universidade. Vaise ampliando este perfil co paso dos anos?

Tendo en conta a transformación sociolingüística da Galicia contemporánea, certamente o perfil neofalante está mudando. Se, inicialmente, o seu espazo «natural» eran as cidades e as vilas grandes, co paso do tempo vai incrementando a súa presenza en territorios menos urbanos, nos que o castelán apenas tivo presenza funcional ata hai 50 anos, mais que agora comezan a experimentar o imparábel proceso de substitución lingüística. Certamente, é a poboación nova na que o neofalantismo ten maior relevancia. E isto é así tanto pola ruptura interxeracional da transmisión da lingua na familia, coma pola ruptura intraxeracional, no caso dos que abandonan a lingua na socialización secundaria.

Coordinas o libro Neohablantes de lenguas minorizadas en el Estado español. Que diferenza o neofalantismo en galego da realidade catalá, vasca ou aragonesa?

As condicións materiais que caracterizan cada un dos territorios nos que se falan linguas minoradas son determinantes para entender o papel do neofalantismo e os seus efectos na desminoración lingüística. En termos xerais, no caso do galego, o suxeito neofalante caracterízase pola súa concienciación do papel político da linguaxe, pola súa reclamación identitaria e por coñecer ben. claramente as penurias polas que transcorre a lingua desde que as políticas sustentadas no «recoñecemento» comezaron a rexer a xestión do bilingüismo. Isto é, desde a aprobación da Constitución Española e do Estatuto de Autonomía. Por iso, moitas veces, constitúe un exemplo de conversión lingüística, co desprazamento consciente do castelán, en tanto que lingua inicial. Nos países de fala catalá, o trazo clave é a notoria inmigración, que se incorpora a unha lingua, non tanto por cuestións identitarias, senón máis ben por favorecer a súa integración en sociedades nas que mobilizar a lingua minorada ten consecuencias sociais e laborais. Isto supón non tanto unha conversión senón unha muda lingüística, entendida esta como unha sorte de perfomance interaccional. Dito isto, o caso de País valenciano é o máis semellante a Galicia. No caso do éuscaro no Estado español, o neofalantismo supón a incorporación a un bilingüismo activo e non unha ruptura e un desprazamento do castelán. No caso do aragonés, estamos ante unha lingua nunha situación de extrema vulnerabilidade, polo que o suxeito neofalante ten como principal consecuencia a visibilidade dun idioma en espazos urbanos nos que practicamente se descoñece polo conxunto da poboación.

Sempre comentas que o neofalantismo é un momento histórico a superar, un tempo que rematará en canto a transmisión intraxeracional impulse a interxeracional – é dicir, das persoas neofalantes á súa descendencia -. Este é un escenario que temos garantido ou que está suxeito a que determinadas condicións ás que debemos atender?

Cando me refiro á superación do neofalantismo, a desminoración e a presenza normalizada da lingua son as súas consecuencias de tal superación. Para que iso aconteza, deben cambiar radicalmente as condicións estruturais e superestruturais da Galicia actual. Non queda outra! Debemos camiñar cara unha sociedade que teña como finalidade o abandono das inxustizas lingüísticas, desde a lexislación, ao acceso aos recursos. Mais iso supón reclamar, alén doutras cuestións previas, unha ruptura co actual modo de produción.

De que saúde goza o fenómeno do neofalantismo agora mesmo? Manexades datos concretos que nos permitan coñecer o alcance do fenómeno?

Máis aló das enquisas do IGE, que, sen centrarse no suxeito neofalante, permiten extraer datos do cambio da lingua inicial á lingua habitual (sen que isto deba entenderse sempre como neofalantismo), carecemos de datos específicos ao respecto. A impresión que un ten é que hai un aumento progresivo e cada vez hai máis persoas que se identifican e se manifestan como neofalantes, sendo, en calquera caso, un fenómeno aínda moi minoritario entre a poboación falante inicial de castelán.

Tes comentado que moitas persoas ás que entrevistades din que o seu primeiro momento de transición se dá na educación secundaria e que logo se volven neofalantes na universidade. Hai daquela espazos e etapas máis proclives ao neofalantismo?

Si, certamente. O espazo educativo é moi relevante, tanto a secundaria como a universidade. No primeiro caso, por razóns psicolóxicas e sociolóxicas, constátanse máis intentos frustrados, por dicilo dalgún xeito. Agora ben, coa chegada á universidade coinciden cambios moi relevantes na personalidade e na socialización que poden favorecer a conversión lingüística, non necesariamente por estarmos en institucións de ensino superior altamente galeguizadas, senón, máis ben, porque é un momento de consolidación de novas relacións, experiencias, aprendizaxes, maduración, etc.

Falemos do fenómeno concreto das persoas neofalantes dixitais. Que papel cumpren redes sociais como Twitter, TikTok, Twicht, YouTube… nas persoas que están mudando de lingua ou que deciden introducir o galego en máis ámbitos?

As redes sociais cómpre entendelas coma un espazo de oportunidades para a mobilización do galego. Para moitas persoas é máis doado incorporarse ao neofalantismo a través das tecnoloxías dixitais, nas que a interacción inmediata pode ser máis sutil. Nalgúns casos constitúe unha forma magnífica de experimentar a nova subxectividade, antes de desenvolverse plenamente en galego na vida cotiá.

Este tipo de redes sociais son a casa de cada vez máis persoas creadoras de contido moi novas en galego – algunhas delas neofalantes – que están alcanzando gran proxección. Tamén no eido da música, por poñer outro exemplo, agromaron nestes últimos anos proxectos novidosos en galego que chaman moito pola xente moza e que se fan oco aquí e máis alá de Galicia. Confías na estratexia da creación de referentes? Estamos ante unha nova xeración de creadorxs que pode servir de influencia a outras persoas mozas no que respecta á lingua?

Desde logo, as redes sociais teñen unha forza extensiva, en particular nas xeracións máis novas, mais non só. E aí, a aposta polo galego non pode decaer, senón que debe fortalecerse coa creación de comunidades de práctica que constitúan espazos de privilexio do uso do galego.

Nun artigo do ano 2013 -“A miña variedade é defectuosa”: a lexitimidade social das neofalas-, concluiades que o espazo sociolingüístico das persoas neofalantes precisaba de maior recoñecemento social. Avanzouse algo neste tempo? Séguense producindo tensións entre persoas neofalantes e persoas paleofalantes?

Na medida en que a presenza social do neofalantismo vai incrementándose, aparecen máis formas de «control», necesarias, certamente, para que a lingua saia fortalecida. Agora ben, o urxente, ao meu modo de ver, é favorecer a incorporación do suxeito neofalante, con todos os seus erros, improvisacións e precariedades no uso do idioma. Co tempo, sabemos que a autovixilancia fai que o coidado lingüístico se converta nun desafío central da propia conversión lingüística. Mais primeiro hai que entrar!

Xa para rematar, e desde a túa propia experiencia de conversión lingüística, que consellos prácticos darías a unha persoa potencial neofalante para que dea o paso?

Cada experiencia vital é única e non é doado dar consellos xerais. En todo caso, dunha banda asistimos a un forte proceso de substitución lingüística, que, precisamente, require unha concienciación que permita rachar con el para garantir unha lingua galega chea de vitalidade a mediados do século XXI. Aí, alén das necesarias decisións políticas, os procesos de conversión teñen moito que dicir. Doutra banda, dar o paso pode non ser tan «radical» como ás veces se pensan, na medida en que a lingua galega, afortunadamente, non é unha lingua morta. Animo a que sexa no sistema educativo, ben na ESO, no Bacharelato ou nos estudos universitarios, o momento de iniciar unha praxe consciente a este respecto. A satisfacción, a medio e a longo prazo, é impagábel e a sociedade futura quedará ben agradecida.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.