Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

“Eu fáloa porque si”… como apoderar o galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Formación do Profesorado da USC en Lugo, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza o ‘Obradoiro de apoderamento lingüístico’ co obxectivo principal de promover a responsabilidade na normalización social do galego como parte do ámbito competencial dos mestres e mestras.

O obradoiro tamén pode resultar de interese para todo o alumnado malia estar dirixido, de xeito preferente, ao estudantado da materia Educación e linguas en Galicia, ao alumnado dos graos en Mestre/a en Educación Infantil e Mestre/a en Educación Primaria. O prazo para inscribirse neste obradoiro dotado con 30 prazas remata o 24 de marzo. A matrícula pode formalizarse nesta ligazón.

COMPRENSIÓN E CONCIENCIACIÓN DO CONTEXTO SOCIOLINGÜÍSTICO

Cartel do obradoiro

A educación do século XXI en Galicia “non pode ser allea ao proceso de perda de falantes da lingua galega”, apuntan dende a organización desta iniciativa. Neste senso,  “reflexionar e colaborar con outras disciplinas na análise das causas e na construción de respostas innovadoras coas que reverter esa tendencia e promover a activación de novas falantes para a nosa lingua” constitúe unha das metas desta actividade formativa.

Un dos obxectivos do obradoiro é afondar no contexto lingüístico actual en Galicia. Ademais, os participantes reflexionarán sobre a problemática lingüística galega no ensino, que será o suxeito do deseño de intervencións para a normalización lingüística.

As sesións en formato presencial desenvolverase os días 29 de marzo e 5 de abril en horario de 16.00 a 19.00 horas. Os contidos que se abordarán no obradoiro serán ‘Contexto sociolingüístico e potencialidades. Lingua e Educación’, ‘Lingua, identidade, diversidade, poder, prexuízos e estereotipos’ e ‘Intervención desde a Educación en materia de normalización lingüística’.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.