Estes son os proxectos que recibiron os premios Mil Primaveras

Recoñecer e difundir proxectos do ámbito da normalización lingüística que fomentan e potencian o uso do galego. Este é o obxectivo dos Premios Mil Primaveras, que vén de outorgar os premios da súa terceira edición. Os premiados polo xurado, reunido o pasado 30 de marzo, son os proxectos Do berce á rúa, CantáMOLA en galego, Twitter en galego e Instagram en galego, Somos xogo, Dicionario galego para boomers e Media Laranxa.

Dende o 2019, os premios, convocados polo Colectivo de Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL) busca recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo é a posta en valor do galego e a promoción do seu uso.

Nesta edición dos Premios Mil Primaveras, destacou o proxecto Do berce á rúa, espazo con recursos lúdicos e educativos en galego para os cativos, levado a cabo polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón dende o 2010. Pola súa banda, o xurado tamén recoñeceu a exposición transmedia “CantáMOLA en galego” que “celebra a revolución musical no século XXI en Galicia” e está dirixida a un público mozo, como define o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.

Twitter en galego e Instagram en galego tamén foron premiados por seren proxectos que o xurado destacou como “efectivos”, ademais de teren unha alta repercusión social (33.000 seguidores en Twitter, 32.000 en Instagram, e 15.000 en Facebook) e promoveren o emprego do galego nas redes sociais.

Somos xogo, un proxecto de Xandobela de divulgación do patrimonio lúdico galego que busca difundir e revalorizar o xogo en galego, salientou por tratarse dunha iniciativa “aglutinadora e transversal”, como definiu o xurado. Pola súa banda,  Dicionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, recibiu o premio na categoría destinada á infancia e á mocidade, e Media laranxa, blog de cociña que reivindica o uso do galego, foi recoñecido como mellor iniciativa sectorial. Máis información en Galicia Confidencial.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará