Es de Foz e falas galego? A película As Neves pode ter un papel para ti

Falar galego é o requisito que establece a produtora Cósmica Producións para un cásting, que busca rapazas e rapaces en Foz para unha nova película. “As Neves” é o filme para o que buscan galegofalantes, a próxima produción da directora Sonia Méndez, que se rodará en inverno.

Para participar no cásting non é preciso ter experiencia previa e as persoas interesadas e que cumpran os requisitos poderán mandar un correo electrónico a [email protected], coa información persoal requirida: información persoal (nome e apelidos, idade, teléfono de contacto e localidade de orixe), dúas fotografías e contacto dos proxenitores ou titores legais. Tamén abren a posibilidade de enviar un breve vídeo de presentación.

O IES de Foz foi un dos centros cos que a produtora contactou en busca de novos actores. Como recolle La Voz de Galicia, o instituto avanzou que no filme “todas as personaxes protagonistas son adolescentes”.

“As Neves” é a nova película de Sonia Méndez, a directora viguesa que suma títulos nas súas costas como o documental Luz Fandiño: a poeta Analfabeta, estreado no 2020, a serie dixital para Playz-RTVE Antes de Perder ou curtametraxes como Conversa cunha muller morta (2012) ou Café-Bar Santos Perruquería (2015). Ademais, tamén ten traxectoria como actriz en filmes como Rafael, de Xavier Bermúdez ou nas series televisivas Serramoura e Cuéntame. Dende o 2014, dirixe o festival de contidos Dixitais Carballo Interplay. Máis información en La Voz de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará