“É tan válido unha persoa neofalante como outra que leva toda a vida falando galego” Anik Nandi

“Hai unha falta de planificación de prestixio do idioma. Ti podes dar poder a unha lingua, pero non podes asegurar que a xente a siga falando”. Este é parte do diagnóstico sobre a situación do galego que fixo Anik Nandi, sociolingüista bengalí experto na transmisión interxeracional da nosa lingua. Segundo el, “fai falta abrir outros camiños” para asegurar o futuro do idioma e eses novos carreiros non deben basearse só en depositar toda a esperanza nos neofalantes.
O investigador ten claro que as persoas que se enmarcan no colectivo do neofalantismo posúen un papel ben importante. “Aínda que sexan unha minoría, son unha xente moi activa, e ese activismo tamén atrae outras persoas que se senten identificadas con ese discurso minoritario”, concede.
Porén, recoñece “ter dúbidas” sobre se serán elas o futuro do galego. Defende a súa postura botando man das cifras: o número de neofalantes mantense máis ou menos sen variacións dende os anos 80, di, mentres que imos sendo espectadores dunha “perda de falantes” xeral. Ante este fenómeno, a liña de actuación que cre preciso seguir é a de “crear máis espazos para o galego en varios contextos públicos”.
E é que, para este sociolingüista hindú que prendeu no galego, a escolla da lingua non vén determinada pola contorna familiar ou pola liberdade individual, senón que está “bastante controlada” polo sistema educativo, o status da lingua minoritaria, as situacións que vivimos no día a día e, en xeral, pola política lingüística da Xunta.
A RESPONSABILIDADE INDIVIDUAL
Ademais, alerta sobre os efectos contraproducentes de “establecer xerarquías entre a propia xente que fala galego” porque “fai moito dano á lingua”. No canto diso, apela a ampliar o punto de mira e non esquecer que o neofalantismo non é a única realidade de Galicia. “É tan válida unha persoa que decidiu dar o paso e ser neofalante coma outra que leva falando galego dende sempre”, opina Anik Nandi.
De feito, el cre que unha das partes máis importantes é traballar arredor do “prestixio” do idioma, porque “hai moita xente que o fala a diario e non o valora”. Precísase amosar que a nosa é unha lingua tan útil como o pode ser o francés, o inglés ou o italiano; e que, ademais, tamén nos conecta con toda a comunidade lusófona.
Nun contexto no que os factores parecen aliñarse en contra do crecemento do galego, cobra moita relevancia a toma de conciencia, “que é o que nos está faltando”. “Nós temos que tomar ese control e recoñecer o poder do individuo”, afirma Anik Nandi, sobre a importancia de asumir a responsabilidade persoal de cadaquén para manter viva a lingua: “O noso deber é falar galego. O galego existe porque existen os galegos. Se imos miguiña a miguiña, imos construír identidade”
EXPERIENCIAS DE NEOFALANTES
Unha idea semellante foi a que provocou que Brais González, mozo vigués de 22 anos, decidira mergullarse na aventura do neofalantismo. “Foi, basicamente, por coherencia”, explica Brais, “por razóns ideolóxicas, pero non soamente por iso”. Ir mudando o castelán polo galego semella, no seu caso, un acto de contestación individual fronte ás “claras intencións institucionais de menosprezo da lingua”.
Se ben non cre que os neofalantes poidan asegurar por si mesmos o futuro do idioma —”non somos os suficientes”—, coida que eses pasos poden encamiñarse cara a unha “aposta polo galego e por Galicia”, algo que non ve que se estea dando aínda na sociedade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará