Dende panxoliñas de nadal a trap: a música en galego á túa man

A variedade que nos ofrece a música en galego é infinda, e así o demostran dende Orgullo Galego. Música rap e trap, folk e tradicional, feita por mulleres, destinada aos máis cativos e incluso panxoliñas son algunhas das ideas que ofrecen dende Orgullo Galego para animar a escoitar contido producido na comunidade e na nosa lingua. Para iso, elaboraron diferentes listas para escoitar diferentes xéneros en galego.

“Un dos obxectivos que nos marcamos é dar a coñecer a música feita na nosa lingua, xa que entendiamos que había unha variedade enorme mais non gozaba do apoio suficiente”, explican dende o colectivo. Con este obxectivo naceron diferentes listas clasificadas por estilos, que suman cada vez máis oíntes na plataforma Spotify.

Dende Nao Galiza a Herdeiros da Crus, pasando por SÉS, Verter GZ ou Boyanka Kostova son algúns dos artistas que se atopan entre os máis de 1000 temas que forman a playlist Música en Galego, que conta con máis de 7000 gústame e que recolle arredor de 60 horas de música.

A música en galego non ten límites. Para os apaixonados do folk e a música tradicional, Orgullo Galego seleccionou 260 temas, e outros preto de 200 cuxas intérpretes son mulleres. No caso da música infantil, a lista correspondente suma 183 cancións, e tamén recollen 110 panxoliñas, para a época do Nadal. O rap e o trap tamén están presentes, con 174 temas para escoitar durante máis de nove horas.

“Un dos nosos obxectivos é mostrar a música en galego mais tamén presionar para que teña presenza nos circuitos, non por moda, por convicción”, explican dende a conta de Twitter de @OrgulloGalegoGz. Dende que comezou esta iniciativa para recompilar música en galego, as listas non deixaron de medrar, mostra da produción musical actual que existe en Galicia e da Orgullo Galego se fai eco.

Un comentario en «Dende panxoliñas de nadal a trap: a música en galego á túa man»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará