Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

culture.gal, un novo portal para internacionalizar a literatura galega

Consello da Cultura Galega presentou a primeira acción de ‘Galicia, unha cultura por descubrir’, que arrinca cun proxecto sobre literatura e que busca promover os grandes temas de creación da cultura galega contemporánea no exterior a través de materiais en galego e inglés.

Esta primeira acción, baixo o título ‘Galicia: unha literatura por descubrir’ deuse a coñecer na véspera da Feira do Libro de Frankfurt, a maior feira comercial do mundo, na que España é un dos países invitados. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, sinalou que están “a facer un esforzo por internacionalizar a cultura galega” e destacou que se trata “dun proxecto a medio-longo prazo”.

O formato consiste en tres vídeos de entre 9 e 11 minutos que permiten entrar no universo literario de cada un dos autores e que segundo encargada da acción, Dolores Vilavedra, son “materiais sen data de caducidade” e que supoñen “un compromiso coa cultura galega“. Ademais, sinalou que “buscan chegar a públicos o máis amplos posibles”.

O director de ‘culturagalega.gal’, Manuel Gago, explicou que os tres temas escollidos son “de gran relevancia no panorama editorial europeo contemporáneo”. Así mesmo, aclarou que non se busca “vender un sector, senón unhas ideas” e que “a base é deixar falar ás autoras e autores”.

O primeiro capítulo, sobre a escritura da natureza conta con Manuel Rivas e Olga Novo como protagonistas, sendo Fina Casalderrey e Ledicia Costas as encargadas do segundo que ten como centro a literatura infantil e xuvenil sendo “un dos ámbitos máis innovadores do mercado editorial”. Mentres que Xosé Manoel Núnez Seixas e Suso de Toro reflexionan sobre o papel do pasado, da herdanza e as súas facturas, na última entrega.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.