Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Cósmico, o bombeiro galáctico… Anime e manga en galego

Afonso Barreiro, Fon, impúxose na terceira edición do Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que a escola pontevedresa de novena arte convoca en colaboración con Edicións Xerais. Cósmico, o bombeiro galáctico, a obra gañadora é, segundo o fallo do xurado, “unha aventura que fala, de forma máis divertida que didáctica, do coidado do monte e da natureza a través dun peculiar bombeiro que, polas súas maneiras, un diría que emparenta con algúns persoaxes míticos do anime e o manga”.

A nivel gráfico destácase que o autor emprega un “estilo cartoon infantil moi recoñecible desde outras obras de Fon, con influenzas que van desde Jan ata Toriyama. O autor, que se formou en O Garaxe Hermético, imparte na actualidade clases na escola e dirixe as xornadas V de Viñetas en Noia. Ten publicadas as obras Curuxa, a voz de Azazel, Troglo e Dita e Gazafellos.

O xurado estivo composto por Miguel Porto, Fernando Iglesias (Kohell), Fernando Llor e Kiko da Silva, profesores do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais. A editorial publicará a obra gañadora a vindeira primavera, a coincidir coa celebración do décimo aniversario da Escola de BD.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.