Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Buscan mellorar o ensino da sociolingüística nos institutos

A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra firman un convenio para desenvolver un estudo sobre a o ensino da sociolingüística nos institutos. Con este proxecto, pretenden analizar os contidos do bloque Lingua e sociedade da materia Lingua galega e Literatura, para así contribuír a garantir o futuro do galego.

As demandas e expectativas do profesorado de Lingua galega e Literatura serán analizadas neste estudo, dirixido polo director da Área de Normalización Lingüística da UVigo, Fernando Ramallo. Con este proxecto, un equipo de sociolingüistas elaborará un informe para mellorar os contidos de sociolingüística no ensino. “O que pretendemos é acceder ás formas nas que se está ensinando ese bloque, precisamente pola importancia que ten”, explica Ramallo.

Ademais, dentro deste estudo tamén buscan a produción de material sociolingüístico de divulgación, que complementa a campaña En Galego! Investigación e divulgación, así como se celebrarán unhas xornadas en novembro para presentar os resultados do estudo,

A través da revisión dos currículos educativos e dos libros de texto utilizados na ESO e Bacharelato detectarán erros e para establecer melloras na ensinanza da sociolingüística, un dos cinco bloques que contén a materia Lingua galega e Literatura, pero que non sempre ocupa “un lugar central”. Tamén se detecta a falta de materias específicos para o ensino desta temática. A entrevista a docentes de secundaria e bacharelato, así como profesorado universitario, completará o estudo.

“Digamos que é un punto de partida para abrir unha reflexión sobre as necesidades, as carencias, os desexos e as expectativas do profesorado na potenciación desa praxe, chave para garantir o futuro da lingua”, explica Ramallo.

O convenio para levar a cabo o estudo, que será financiado pola Deputación de Pontevedra con 17.000 euros, foi asinado pola deputada de Lingua, María Ortega, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.