Boiro aposta pola lingua galega

Os concellos, como autoridades locais, son as institucións públicas que máis preto se atopan do cidadán. Polo tanto, son quen de promover o uso do galego con maior efectividade a través de diferentes accións. Por iso, o Concello de Boiro está a traballar, a través da súa área de Lingua, na redacción dunha ordenanza para o fomento da lingua.

“O Plan Xeral de Normalización Lingüística recolle como obxectivos específicos para a administración local a xeneralización do uso do galego, así como a súa promoción e a dotación de medios para que o persoal dispoña dos coñecementos orais e escritos para comunicarse nesa lingua”, sinalou a concelleira de Cultura, Dores Torrado, segundo recolle El Correo Gallego.

A edil tamén afirmou que a ordenanza recolle como lingua vehicular o galego, para “achegala a todos os eidos da sociedade”. Para a realización deste borrador levouse a cabo un traballo previo con diversas entidades e asociacións do municipio boirense, así como con outros axentes sociais e culturais para que o fomento de lingua galega por parte do Concello de Boiro se faga de forma coordinada. Máis información en OBarbanza.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará