As regueifas galegas marchan de viaxe por Europa

O concepto Regueifesta nacía alá polo 2015 da manda da asociación ORAL. Pronto a Costa da Morte convertíase en epicentro deste proxecto de transmisión patrimonial interxeracional gracias á implicación do IES Maximino Romero de Lema e do seu mestre Manolo Maseda. 2018 foi o ano da efervencencia, coas regueifeiras tomando as aulas do país e coa celebración duns eventos espectaculares. En 2019 repetíase o Enreguéifate demostrando que a poesía improvisada é unha ferramenta de creación masiva para o ensino do século XXI. E malia que a pandemia botase abaixo as citas multitudinarias, este modelo educativo da regueifa e a improvisación oral en verso, segue en marcha.

Coordinado dende o CFR de Vimianzo e coa participación do CEIP Labarta Pose (Baio), o IES Maximino Romero de Lema (Baio), o IES do Milladoiro (Ames) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), a Regueifesta marcha na súa primeira viaxe por Europa a través dun proxecto Erasmus+, “Europa de repente. Regueifando polo mundo”. Faino, tal e como recolle Que Pasa na Costa, coa idea de compartir as experiencias educativas arredor do noso verso e de atopar outras formas de rimar, nun modelo de cooperación pedagóxica internacional.

O proxecto europeo inclúe visitas de observación e intercambio de experiencias con centros educativos e asociacións culturais de Iparralde e Córsega (Francia), Tortona (Italia) e Madeira (Portugal). Dese feito, hai uns días xa se desenvolveu a primeira visita a Madeira, aprendendo o Despique, o Bailinho e o Xaramba. Así, cinco docentes do proxecto desprazáronse durante catro días ata a illa para avanzar in situ nestes obxectivos.

Realizáronse numerosas entrevistas e gravacións a persoas de moi diferentes idades para compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo nesta illa portuguesa. Este é o primeiro material audiovisual que conforma o conxunto de vídeos que se expoñerán no final do proxecto para o alumnado e comunidade educativa en xeral. Toda a información no xornal QPC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará