As Letras Galegas viaxarán a México

A Real Academia Galega celebrará as Letras Galegas adicadas este ano ao poeta natural do Vilamartín de Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) cun gran número de actividades. Asi o sinalou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes que destacou a dimensión como poeta e traballador da lingua que emprega o galego das terras de Valdeorras como ferramenta de creación e o seu perfil de resistente democrático.

Delgado Gurriarán foi unha figura fundamental do exilio mexicano nun momento de “actividade extraordinaria”. Por iso mesmo, a RAG visitará México polas Letras Galegas debido á presencia do poeta arredor do Padroado da Cultura Galega de México. “Así como moitas veces visitamos polas Letras Galegas Buenos Aires, con Florencio Delgado Gurriarán a Academia viaxa simbolicamente por primeira vez no Día das Letras Galegas ao exilio mexicano”.

PUBLICACIÓNS

No apartado de publicacións, a RAG ten previsto editar o discurso que Florencio Delgado Gurriarán deixou escrito para unha posible cerimonia, co gallo do seu nomeamento como académico correspondente, que non chegou a producirse; e a entrevista que a antropóloga Dolores Pla lle fixo en México, unha edición anotada da que se fará cargo Ricardo Gurriarán, biógrafo e familiar do homenaxeado. Máis información na RAG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará